Talía Teatro leva a escena a falta de educación sexual en DeseXo

DeseXo está escrita e dirixida por Diego Rey e interpretada por Marta Ríos e Dani Trillo.

'Unha inimiga do pobo', de Talía Teatro. (Foto: Rubén Prieto).
photo_camera 'Unha inimiga do pobo', de Talía Teatro. (Foto: Rubén Prieto).

A Casa da Cultura de Boiro acolle o vindeiro 3 de maio, ás 21 horas a estrea de DeseXo, unha peza para público adulto a cargo da compañía Talía Teatro.

DeseXo está escrita e dirixida por Diego Rey e interpretada por Marta Ríos e Dani Trillo.

A función lanzaralle ao público a seguinte listaxe de preguntas: Como foi a nosa educación sexual? Estamos preparados para ter unha sexualidade sa? Sabemos como afrontar as nosas relacións? Somos capaces de educar ás próximas xeracións? Onde aprendemos o que sabemos sobre sexo? Na pornografía? Nas redes sociais? E que consecuencias ten formarse así?

DeseXo preséntase como unha comedia na que o público seguirá varios personaxes a través das súas publicacións nas redes, vendo como afrontan o seu día a día, as súas relacións, os seus desexos e os seus medos.

Segundo a compañía, trátase "dunha obra sobre a pornografía, tanto real como social; unha reflexión cómica sobre un mundo que vai cada vez máis rápido, onde aprendemos en liña, e onde todo, absolutamente todo, está exposto".

Talía Teatro vén de converterse na gran triunfadora dos Premios de Teatro María Casares ao recibir con sete galardóns pola súa montaxe Unha inimiga do pobo: mellor espectáculo, mellor actriz protagonista (Marta Lado), mellor actor secundario (Toño Casais), mellor adaptación-tradución (Vanesa Sotelo e Tito Asorey), mellor espazo escénico (Dani Trillo), mellor iluminación (Laura Iturralde) e mellor dirección, premio que que Tito Asorey compartiu con Quico Cadaval, director de O Auto de Castromil.

Comentarios