A música e o compromiso de Luigi Nono protagonizan o festival Resis

O Festival Resis da Coruña celebra este ano a súa sétima edición rendendo homenaxe ao comprometido compositor Luigi Nono, unha das grandes figuras da música do século XX, cando se conmemoran os cen anos da súa morte. 
 
Luigi Nono en 1979.
photo_camera Luigi Nono en 1979.

“É de temer que se a súa paixón política segue progresando, a súa ctividade acabe por escapar á competencia do crítico musical". O crítico e musicológo Claude Rostand escribía esta frase sobre Luigi Nono (1924-1990), deixando constancia das suspicacias que segue levantando a militancia política dun artista, a quen se lle adoita esixir "pureza" só cando se pon do lado dos máis débiles.

Non foi o caso de Nono quen, ademais de ser un dos compositores máis orixinais e persoais do século XX, mantivo sempre unha actitude de compromiso que o levaba a denunciar Auschwitz, Vietnam ou os desaparecidos na Arxentina coa mesma forza coa que definía a súa música como parte da revolta contra a cultura burguesa.

O festival Resis da Coruña conmemora este ano o centenario de Nono cunha serie de actividades que pode dar unha visión ben completa da obra do compositor veneciano.

O festival, que se define como "encontro entre a música contemporánea outras disciplinas artísticas" comeza esta sexta feira, 3 de maio, coa inauguración, na Fundación Luis Seoane, do proxecto Y su sangre ya viene cantando, cuxo título procede dunha das pezas que Luigi Nono dedicou a Federico García Lorca, na que as artistas Marta Azparren, Marcelo Expósito e Andrea Valdés exploran cuestións latentes do legado do compositor. No mesmo acto de inauguración, o  artista sonoro, compositor e musicólogo Miguel Álvarez-Fernández presentará Y entonces (variacións canónicas sobre Luigi Nono), unha "experiencia de escoita" que contará coa voz do Niño de Elche.

"Nono é unha das figuras máis importantes da música da segunda metade do século XX", declara Hugo Gómez-Chao, director do festival en conversa con Nós Diario, "e ademais unha figura apaixonante, moi involucrado co PCI que reflexionaba constantemente sobre o papel da música. Criamos de xustiza renderlle esta homenaxe e por iso, desde o festival, fixemos este cuádruplo encargo ao Niño de Elche,  Marta Azparren, Marcelo Expósito e Andrea Valdés, para que, desde disciplinas diversas reflectisen o que significa Nono na actualidade".

 

Música e revolución

O sábado 11 de maio, estrearase Sereas (obra ludita), de Xoán Xil, con textos de Alba Cid. "Foi outro encargo do festival a Xoán Xil, que é este ano o compositor residente, e que se inspira no levantamento que tivo lugar na Fábrica de Tabacos da Coruña en 1857 cando as traballadoras s revelaron tirando as máquinas recentemente adquiridas ao mar", explica Gómez-Chao. A obra dialoga así con La fabbrica illuminata, de Nono, unha obra que denunciaba as pésimas condicións dos traballadores das fábricas da altura (1964).

La fabbrica illuminata tamén inspira A Proxección sonora III, un proxecto escénico e musical deseñado para favorecer o acceso igualitario e inclusivo á cultura, achegando a música contemporánea a persoas con diferentes capacidades. Ademais dos números musicais, interpretados polo alumnado, descubriremos a vida e obra de Nono ubicando ao público no contexto do espectáculo, unha fábrica na que os traballadores e traballadoras reclaman os seus dereitos, dando luz e voz á revolución.

Guai ai gelidi mostre será un concerto -cuxo título procede da peza homónima de Nono- no que o Arxis Ensemble 25 de maio, no Paraninfo do reitorado da Universidade da Coruña) tratará de trata de ampliar as fronteiras da música e de cuestionar os mitos que rodean a creación artística. "Para este concerto contamos con Bas Wiegers, unha das grandes figuras da dirección na música contemporánea", apunta o director do festival.

O programa contará tamén con obras de Monteverdi, de Alberto Posadas e de Rebecca Saunders, recentemente galardoada co León de Ouro da Bienal de Venecia. E a obra de Saunders tamén estará presente nun dos grandes concertos do festival, o do Arditti Quartet (1 de xuño, Auditorio Abanca), que tamén interpretara obras de José Manuel López López e Fragmente Stille an Diotima, o único cuarteto de corda escrito por Nono, unha obra clave na súa traxectoria, composta tras un período de silencio no que se interroga sobre o seu labor como compositor e os vínculos entre a música, o persoal e o político.

Outros concertos e actividades iluminan outras facetas do compositor como, por exemplo, a interpretación de Post-Prae-Ludium No. 1 para Donau, outra peza clave no catálogo de Nono, a cargo da Orquestra Sinfónica de Galiza en formación de cámara (Pazo da Ópera, 18 de maio).

Mais a oferta do Resis non se reduce á revisión da obra do italiano, e permitirá desfrutar de pezas dalgúns dos máis reputados compositores contemporáneos: ademais da xa mencionada Rebecca Saunders, paga a pena pararse nas obras de Salvatore Sciarrino, Bernhard Lang, Eduardo Soutullo ou, desde logo, Olivier Messiaen e os seus Oiseaux exotiques (Teatro Colón, 9 de maio). 

 

Festival de referencia

En só seis edicións, Resis logrou abrirse un oco entre os festivais de música contemporánea máis importantes do Estado, mantendo unha independencia creativa digna de encomio.

"Hai que ter en conta que este non é un festival que naza dunha institución pública, senón que é iniciativa dunha asociación sen ánimo de lucro, con todo o que iso ten de bo -a liberdade creativa- e de menos bo -a falta de recursos", apunta Gómez-Chao. "E esa falta de orzamento, compensámola con moito traballo".

O director de Resis, en todo caso, asegura ser moi afortunado "polo incondicional apoio que temos das institucións -desde o Concello e a Deputación da Coruña até a Xunta da Galiza e o Ministerio de Cultura, ademais de todas as entidades que participan. Gústame ser agradecido, mais tamén quixera facer entender que somos un festival que coida da cultura contemporánea, que promove e conserva o novo patrimonio.

O festival, logrou mesmo dar un salto e organizar dous concertos fóra da Coruña, un en Madrid, no Círculo de Belas Artes, e outro na Academia de España en Roma. "Creo que está ben non reservar o esforzo do festival para un só territorio, pero ademais, considero que é importante que se coñeza fóra o traballo que desenvolvemos aquí", remata Gómez-Chao.

 

Filmes de familia

Serena Nono, artista e filla de Luigi Nono, estará na Coruña para presentar na Domus, o día 24 de maio, I filme dei famiglia (As películas da familia) unha película-documento que non trata só sobre a súa familia, senón sobre un período artístico e político moi interesante, que abarca os anos sesenta e setenta. A presentación estará moderada polo crítico musical Paco Yáñez e contará coa presenza do filósofo Francisco Jarauta, amigo do compositor, e da propia Serena.

Comentarios