Jaime Estévez, membro da European Union Youth Orchestra: Quen tocamos o saxofón temos moi poucas oportunidades de tocar con orquestras sinfónicas"

O saxofonista Jaime Estévez (Vigo, 2001) vén de ser seleccionado para formar parte da European Union Youth Orchestra, considerada unha das mellores orquestras de músicas e músicos novos.

Jaime Estévez (2)
photo_camera Jaime Estévez estuda un máster na Sibelius Academy de Helsinki (Foto: Nós Diario)

Que significa ser seleccionado para esta orquestra europea?

É unha oportunidade única. En primeiro lugar, é unha das orquestras de xente nova máis importantes do mundo. Por outra parte, as persoas que tocamos o saxofón temos moi poucas oportunidades de tocar con orquestras sinfónicas porque hai moi pouco repertorio que inclúa este instrumento dentro deste contexto. O saxofón é un instrumento relativamente novo, porque nace a mediados do século XIX, e a tradición sinfónica xa viña de antes. A partir do seu nacemento, o instrumento vai pouco a pouco integrándose dentro do mundo da música, mais o mundo da orquestra sinfónica xa tiña a súa estrutura. Hai compositores que decidiron adaptar as súas pezas para incluír o saxofón, mais en realidade foron moi poucos. Digamos que é un instrumento que non forma parte da estrutura habitual das orquestras e por iso moitos outros compositores optan por manter esta. 

Tamén estivera tocando coa Real Filharmonía de Galiza, neste caso como solista.

Efectivamente. Foi en 2016, aproximadamente. Tiven a sorte de gañar un concurso, Pelegríns musicais, e o premio era precisamente poder tocar como solista nesta orquestra. Foi unha experiencia moi boa que nunca esquecerei porque tamén a considero unha oportunidade única. Tocar como solista nunha orquestra así é moi especial. É certo que nese momento era moi pequeno e agora, cando o penso, gustaríame poder repetir a experiencia con outra perspectiva e outra madurez artística. 

Cales son as súas expectativas con respecto a esta etapa que comeza agora?

Comparando esta experiencia coa da Real Filharmonía, é certo que agora teño moita máis experiencia e que ademais é un proxecto diferente, posto que non tocarei como solista. A madurez artística que vas collendo co paso dos anos tamén fai que te prepares dun modo diferente e que o vexas todo con outros ollos. 

Con respecto a este proxecto en concreto, coa orquestra europea, teño unhas expectativas moi altas. Fíxose unha selección de máis de 3.500 profesionais de 27 países diferentes, polo que agardo atopar xente moi boa e moi nova. Creo que é moi interesante ter a oportunidade de entrar en contacto e poder traballar con profesionais que, estou seguro, van aportarme moitas cousas. 

Ademais, a nivel profesional, a miña expectativa é seguir sumando experiencias e proxectos como este que permitan encher o meu currículo e aumentar a miña madurez musical para poder levar a cabo proxectos artísticos de maior calidade. Nestes momentos teño o meu propio cuarteto de saxofóns, Lítore Quartet, xunto con Sira Pellicer, Hugo Lomba e Miquel Flores. Este é o meu proxecto artístico principal e a todos nos gustaría potencialo no futuro, levalo a outro nivel. Ademais, unha sorpresa e alegría engadida a que me seleccionaran para esta orquestra foi que para a única outra praza de saxofón que precisaban seleccionaron a Miquel. 

O noso obxectivo principal agora mesmo dentro de Lítore é traballar con compositores actuais, a poder ser novos. Con todo, estamos abertos a experimentar coas novas correntes. É certo que un problema que ten a música clásica, sobre todo no Estado español, é a falta de xente nova no público. Por iso tamén buscamos expandir o tipo de proxectos que poidan atraer a públicos diferentes, un fin común dentro do colectivo de artistas. 

Comentarios