A festa dos Maios une cultura, tradición e reivindicación coa chegada da primavera

Esta cuarta feira comezaron as festividades en varios municipios, as cales proseguirán este mes na Galiza.
Arriba e abaixo á dereita, Maios en Redondela. Abaixo á esquerda, cantiga contra a A-57 en Pontevedra. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Arriba e abaixo á dereita, Maios en Redondela. Abaixo á esquerda, cantiga contra a A-57 en Pontevedra. (Foto: Nós Diario).

A festa dos Maios uniu esta cuarta feira tradición e reivindicación. Así, membros da plataforma de afectados pola Autovía A-57 acudiron á celebración dos tradicionais maios na praza da Ferrería, en Pontevedra, para amosar o rexeitamento ao proxecto que busca desenvolver o Ministerio español de Transportes e que danaría gravemente, segundo afirman, as Parroquias de Bora e Xeve.

A Asociación Cultural e Deportiva de Campañó foi a principal gañadora dos concursos da festa pontevedresa. A plataforma de afectados pola Autovía A-57 elaborou unha cantiga reivindicativa que foi distribuída entre o público que se achegou a desfrutar da festa tradicional. Ademais de entregar copias da composición, membros da plataforma explicaron ás asistentes aos Maios os inconvenientes do trazado, que conta con rexeitamento de tódolos grupos políticos do pleno de Pontevedra e da Deputación.

Segundo este colectivo, as asistentes aos acto recibiron con agrado a letra da cantiga e amosaron un grande interese por coñecer detalles do proxecto que "leva 20 anos de tramitación e que causaría un dano irreversíbel en 6.000 metros de Rede Natura no río Lérez, esmagando especies en perigo de extinción como o mexilón de río, o desmán ibérico ou un cogomelo que solo se ten atopado nesta zona forestal do Concello de Pontevedra".

"A infraestrutura complicaría en grande medida a vida de centos de veciños, condenándoos a niveis de ruído superiores ao máximo legal. Tamén poría en risco á comunidade escolar do CEIP Santo André de Xeve que se ten pronunciado contra o proxecto por dificultar accesos ao colexio", destaca a plataforma.

Impacto en toda a Galiza

A festa dos Maios volve un ano máis á Galiza para lembrar a chegada da primavera. Esta cuarta feira recolléronse as pólas de loureiro, de xesta ou dalgunha outra planta para seguir o costume de bendicir -para protexelos- os campos, as casas, as cortes e mesmo os vehículos con elas. 

Alén de Pontevedra, en Vilagarcía de Arousa (O Salnés), a festa dos Maios, que estaba prevista no Parque Miguel Hernández, trasladouse até a Praza da Peixería. E en Marín (O Morrazo), a festa estivo acompañada dunha exposición no Museo Torres das coplas dos barcos e carros da festa dos Maios da vila, cedidas pola presidenta da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín, Enriqueta Otero Farto. 

Os Maios florecerán tamén no ferrolán barrio de Canido cunha semana de actividades que unen cultura, actividade social e veciñal. Mentres, Ourense celebrará a festa o domingo 5, cun programa de actividades que se estenderá durante toda a xornada no centro da cidade.

Unha importante tradición en Redondela

A festa dos Maios tamén é unha importante tradición no municipio de Redondela (comarca de Vigo), que esta cuarta feira viviu unha xornada festiva cun grande éxito de público e participación na Festa dos Maios. Por mor da chuvia, nesta ocasión a festa decorreu baixo unha carpa no campo da feira, onde se congregaron os 23 Maios participantes.

Conos e cruceiros, enmarcados na categoría de Maio tradicional, compartiron espazo con estruturas orixinais e variadas na categoría de Maio artístico. A concelleira de Cultura, Rita Pérez, mostrou o seu agradecemento a todas as persoas participantes "que con tanta ilusión e traballo preparan estes maios, nos que participan veciños e veciñas de todas as idades, nunha festa que é tradición e cultura de Redondela".

A cantidade e calidade dos maios presentados é unha garantía "de que esta tradición está máis arraigada que nunca, con moita participación das nas novas xeracións, e iso é unha garantía para o futuro", sinalaba a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.

O Concello, ademais de outorgar unha axuda a cada Maio que se presenta ao concurso, premiou tamén aos mellores cun total de 12 galardóns repartidos a razón de tres en cada unha das categorías: Premio ás coplas, Premio á interpretación, Premio ao maio tradicional, e Premio ao maio artístico.

Todos eles tiveron as mesmas contías económicas cun primeiro premio dotado con 300 euros, un segundo de 250 euros e un terceiro premio de 200 euros. O xurado, integrado pola xornalista Carolina Sertal, o activista cultural Fon Conde e a filóloga Ana Area, tivo a difícil tarefa de escoller aos mellores.

Comentarios