Cans acolle cinco estreas de filmes de directores galegos rodados en Cuba, Inglaterra, Bélxica ou Indonesia

 Dez obras exhibiranse na sección ‘Furacáns’, dedicada a obras de non ficción, das cales a metade serán estreas e 40% dirixidas por mulleres

El Custodio
photo_camera Fotograma do filme "El Custodio" de Arturo Franco, que competirá na sección Furacáns

O Festival de Cans, cuxa XXI edición terá lugar do 21 ao 25 de maio nesta aldea do  Porriño (comarca de Vigo), contará na súa sección competiviva ‘Furacáns’ cun total de dez curtametraxes, das cales a metade serán estreas absolutas e 40% das mesmas están dirixidas por mulleres cineastas.

Furacáns, a sección dedicada ás obras de non ficción, converteuse nos últimos anos nunha competición vibrante e nun escaparate do cinema feito na Galiza que asume maiores riscos narrativos. Diferentes modos de achegarse a temáticas como a memoria, o despoboamento ou a soidade están presentes nestas obras, moitas delas dirixidas por cineastas galegos en diversas partes do mundo, que van de Cuba a Indonesia, pasando por Inglaterra ou Bélxica e que teñen pasado por importantes festivais internacionais.

Tamén hai obras de cineastas estranxeiros residentes na Galiza, como o cineasta americano Andrew Frinkielman, que estreará en Cans a súa curta The death of the last francoist mayor (A morte do último alcalde franquista) que dirixe xunto á francesa tamén afincada na Galiza Lola Sounigo.

Trátase dun singular ensaio fílmico realizado durante o enterro de Senén Pousa, considerado último alcalde que enxalzaba publicamente a Franco. Ademais desta curta, outras catro obras terán a súa estrea absoluta nesta sección. Outra delas será Vivir Cantando, unha interesante reflexión sobre a memoria filmada, dirixida polo cineasta da Mariña Lázaro Louzao, e que supón a súa nova obra despois de ter dirixido a longametraxe Nove de Novembr”, considerada a primeira película de temática LGTBI feita en galego.

Entre as estreas desta edición tamén estarán Lo íntimo, unha obra rodada en Indonesia que mestura as reflexións da viaxe con reflexións íntimas, dirixida por Sara Horta e Susana Sotelo. Esta última xa se estreara anteriormente na longametraxe co filme “Querida Gina”.

A cineasta Silvia Muíña, que xa competira anteriormente nesta sección, estreará en Cans Yvonne, the power of words”(Yvonne, o poder das palabras), unha curta impactante rodada en Inglaterra sobre unha poeta que leva vinte anos encamada, sobrevivindo entre a frustración e as ganas de vivir, e á que a cineasta asistiu como coidadora persoal.

Por último, outra das estreas será Aínda hoxe as horas, da cineasta Miriam Opazo, cuxo anterior traballo Ningún Deus, recibira o pasado ano en Cans unha Mención Especial.

Dous cineastas experimentados, que xa gañaron en edicións anteriores en Cans, estarán tamén coas súas novas obras na sección Furacáns. Hugo Amoedo, gañador nesta sección en 2018, competirá con Abrir caixas, pechar caixas, curta na que afonda na idea do retorno, a partir da figura do escritor Xavier Queipo e despois de varias décadas instalado en Bruxelas.

Pola súa parte, Xacio Baño competirá con “Platónico, Platónica”, unha reflexión singular sobre o amor e a Intelixencia Artificial, que estivo seleccionada no último Festival de Málaga. Neste importante festival tamén estivo seleccionado o filme Corre o vento, de  Guillermo Carrera e Paula Fuentes, un crúo retrato sobre o envellecemento e o despoboamento nunha aldea do Courel.

Outros dos cineastas emerxentes que competirán na sección serán Daniel Pérez Silva e Arturo Franco. O primeiro mostrará en Cans Viaxar aos teus recordos é buscar pelexa, unha obra na que o autor tira do fío da memoria fílmica para afondar nas diferencias familiares. Mentres, Arturo Franco chega co seu impactante filme debut,“El Custodio, rodado en Cuba e que afonda na historia dun home solitario, encargada de custodiar un vello aeroporto abandonado. O filme tamén competirá este mes no Festival Internacional de Guadalajara, en México, un dos máis relevantes de Latinoamérica.

Comentarios