Resposta ao señor Julio García Comesaña

Di a xornalista Consuelo Bautista: “O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, fala da manifestación na que miles de cidadáns reivindicaron melloras na Atención Primaria ante os recortes da consellaría e o risco de privatización que denuncian os sindicatos. Comesaña considera que se trata dunha mobilización promovida pola oposición á Xunta”. Evidentemente. Non a faría o PP. Os 12 anos de goberno do Sr. Feijoo deixan como consecuencia o desmantelamento da Atención Primaria e o deterioro da sanidade pública. 

CB: “O conselleiro responde aos manifestantes que reivindican que se recupere o 100% da atención presencial que o 60% das visitas son xa presenciais e que as esperas están entre os dous e os catro días”. Minte. As consultas presenciais (se soubera do que fala...), solicítanas as persoas que precisan ir ao médico e iso non depende dunha cifra que diga o conselleiro (ou Feijoo). Dependerá das necesidades das persoas que solicitan a cita, que pode ser o 60%... ou o 10% ou o 90%. As esperas, como ben sabe, superan os 21 días en moitos centros de saúde e as axendas non baixan de 45 pacientes tódolos días!

“O conselleiro volveu reivindicar como fundamental a atención non presencial nos momentos máis agudos da pandemia e reiterou que a Xunta non vai renunciar a unha ferramenta que xa se puxo en marcha en 2013, sobre a combinación deste modelo coa atención presencial”. Minte de novo. A atención presencial nunha se deixou de facer nos centros de saúde. Foi a Consellaría de Sanidade quen impediu á xente solicitar cita presencial por internet. Os centros de saúde sempre estiveron abertos á xente. E é consellaría quen quita cupos e traballadores da sanidade en Atención Primaria, e é quen quere enfrontar os sanitarios coa xente, cando as decisións as toman xestores incompetentes. 

“En referencia ás distintas demandas propostas na mobilización, di que foi unha “amalgama”. “Creo que a intención da manifestación foi outra, algúns o que queren é desprestixiar a Atención Primaria”. Unha “amalgama” son as ideas sen pés nin cabeza que deciden desde a Consellaría, como comprar ordenadores novos, impresoras novas, teclados novos, limpar os centros de saúde... E non dedicar un peso a contratar persoal. A sanidade en Galicia desprestíxiana os seus xestores! 

“Di que a Xunta quere defender a Atención Primaria. Aos participantes na protesta pediulles tamén que axuden a Administración autonómica e reclamen ao Goberno médicos formados en Atención Primaria. A xente que participou no Consello Técnico da Atención Primaria, 208 persoas de diferente ideoloxía en 15 comisións técnicas, estivo “axudando” A Consellaría a elaborar un novo modelo de Atención Primaria desde hai 3 anos. Desde o 20 de novembro de 2020 teñen as conclusións e o que están facendo é collendo o que queren e deixando o importante para elaborar o novo modelo. 

O de reclamar ao goberno central médicos é outra mentira. Para ter máis capacidade de máis médicos deben ter unidades docentes en Galicia e o Sr. Feijoo non as creou: como se forman os médicos se non teñen titores? E ao de que “non temos médicos” só dicirlle que volven mentir. Se se presentan 14.000 médicos a cada convocatoria MIR e ofertan 6.000 prazas quedan 8.000 licenciados sen praza. Médicos hai, que traballen por soldos de miseria e en precario desde logo que non. E marchan a servizos de saúde que prestixien a profesión e onde se lles remunere conforme o exercicio dunha profesión que custa moito acadar. 

Pedir a dimisión do conselleiro non serve de nada. Precisamos un cambio radical de políticas sanitarias e a solución téñena no Consello Técnico da Atención Primaria de Galicia. 

* Contestación ao Sr. Julio García Comesaña, 
4º Conselleiro de Sanidade do Sr. Feijoo. 
Entrevista realizada por Consuelo Bautista, 
o 15 de novembro de 2021.