Responsabilidades por actuacións na Función Pública

"O prezo da grandeza é a responsabilidade".
Winston Churchill, 1874-1965.
Político británico, primeiro ministro durante a 2ª Guerra Mundial.

Cando unha persoa se dedica á Función Pública (que evidentemente o fai por propia vontade), debe ter responsabilidades. As súas decisións, segundo a actitude que tome, afectan á poboación. Debe actuar con coherencia e cos menores danos para as persoas e colectivos. Moitas veces vemos que os cargos políticos cambian ou deixan o seu cargo... e do que fixeron nunca teñen responsabilidade. Non existe un mecanismo para pedir responsabilidades pola súa actuación na vida pública.

Cando o ex presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo opta por marchar a Madrid quedan secuelas das decisións que tomou nos seus 13 anos de goberno. Unha decisión do máis dramática, foi (e é) o desmantelamento sistemático da sanidade pública na Galiza. Nin as mobilizacións na rúa, nin as "negociacións" no Consello Técnico de Atención Primaria de Galicia, nin nas xuntanzas con diferentes colectivos, nin nas Xuntas de Persoal das diferentes áreas sanitarias conseguiron unha verdadeira posta en marcha de medidas que favorecesen o desenvolvemento da sanidade. Ao revés, case todas as medidas que adopta o executivo galego son para dicir que fan sen facer nada ou son unha simple "maquillase" para disimular o que se debería facer.

As decisións tomadas con respecto ás residencias de maiores foron nefastas, con miles de persoas mortas, e vemos que ninguén se fai responsable do sucedido. Non vale dicir: "Fixémolo mellor ca outros" ou "a culpa é de tal ou de cal". Os feitos son os que son é a persoa que toma as decisións ten que ser consciente de que poden non ser as correctas e que o que deciden "deixa secuelas" e moitas veces págase cOa vida ou cOa morbilidade, física ou mental.

Cando se di que se fan hospitais públicos e logo sabemos que o Goberno da Xunta ten que pagar un canon anual de moitos millóns de euros, algo non encaixa. Por moito que se poñan carteis inmensos dicindo que son "Públicos", a evidencia é outra.

Agora insisten en que "non temos persoal médico" e diríxense ao Goberno central para solicitar máis MIR, cando saben que non se poden conceder por non ter Unidades Docentes para podelos formar. Pero á vez, o Goberno da Xunta convoca 106 prazas de Especialista de Atención Primaria (o servizo máis necesitado de profesionais dende fai moitos anos, por culpa dos tremendos recortes do PP neste nivel asistencial). O argumento queda invalidado cos feitos: se podes convocar 106 prazas, por que non convocas 1.000, que son as que estima a Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia para poder atender a poboación cunha mínima calidade asistencial? Son capaces de incorporar médicos e médicas como persoal técnico de Saúde (ata 140) o que implica que se queren, poden!

A pregunta que nos facemos moitos é: Por qué as profesionais sanitarias prefiren outros lugares e marchan da Galiza? Despois de que esta comunidade as forme (con moitos cartos públicos), no momento de de contratalas non se lles ofrece estabilidade nin un salario digno. E por riba, seguen perdendo poder adquisitivo ano a ano, como o demostra o feito de que o ex presidente Feijóo conxelou o salario das traballadoras sanitarias. Todo o colectivo profesional que estivo ao pé do canón e en primeira liña asistencial durante a pandemia, cos riscos e consecuencias que tivo para moitas, viron como perdían días de libre disposición ou o complemento específico e reciben salarios que non medran o que medra o IPC.

Cando se di: "Que baixen os impostos", nunca se ten en conta que estes serven para financiar a sanidade, a educación, as residencias de maiores... E claro, se "non temos cartos" para investir en servizos públicos, estes deterióranse, e así xa temos a desculpa para privatizalos. Esta é a Lei do Servidor Público que só beneficia a privada!

As decisións teñen consecuencias e deberían ter responsabilidades!