O reiseñor e o paporrubio de Podente

Moitas foron as aves que cantaron e cercaron a miña casa de Podente. Pode que dúas delas impactáronme dunha maneira singular e sen protocolo previo. No apego daquel silencio, a solemnidade dun cántico de esperanza no bico dun reiseñor, connotaba emoción e promovía tanta sabedoría existencial que non me deixou un oco para esquecer aquelas alegóricas; aquel axigantado arrechouchío extravertido que deixou pegada nos meus sentimentos. O reiseñor da miña figueira sen folla e sen o peso das sombras da outonada, cando o sol transfírelle decadentes raiolas que espertan as miñas lembranzas no desvelo de saudosas ansias en protexer aqueles trinos tan adobados en dozura e esperanza, en pausa e ritmo. Non sei que foi daquel reiseñor propiciando emocións e presaxios. Agardo que deixara prole para asegurar o seu cántico maior e seus himnos luminosos.

O reiseñor cantaba na miña figueira, naquelas tardes frías e decadentes de novembro,  exenta de follaxe e espina de ramaxes, afrontando as crúas e cíclicas invernías. Imponse a metáfora novembrina na lutuosa presentida. Mais o cántico daquela ave portentosa e fráxil, algo de interese dicía en súa reiteración, que o tempo cabalga de presa e o que vale nas desventuras da vida é cantar, aínda que sexa un réquiem incomprendido e mal sonorizado, del convén  solemnizar os seus misterios. Cando as pálidas raiolas anuncian invernía a paxarada aínda canta, presentindo e anunciando primavera.

Nesta outonada equinoccial a miña figueira está desposuída de súa fermosa follaxe, de súas saborosas dádivas e de sombras que alivian canseiras e desafían ao sol que incomoda a miña calvicie. Nesas ocasións estivais, o tapiz de sombras da miña figueira é impagábel. Eu gusto das sombras cando me debruzan o pensamento na “Negra sombra” rosaliana para procurar a metafísica da nosa ancestralidade existencial. Nas polas núas da figueira aparece un espelido paporrubio gorgolexando harmonía en combinación coa do reiseñor. Un paporrubio co seu brasón en peito esgrevio e pulido, nada receoso de achegarse a meus pés, tan inocente como incauto. Sen coidar de que estaba ante un ser feroz, capaz de destruílo. Non advertiu aos demais conxéneres de  que estaba diante do peor dos animais mais destrutores da paxarada. Moitas experiencias deben ter eses miúdos e rebuldeiros paporrubios cando sonorizan esa alerta de precaución. Mais ante a miña inmobilidade non alertou perigo.

Precisamos desa escolanía de reiseñores, paporrubios e merlos; da melodía de tódalas aves. Mesmo daquelas que transmitiron concordia  aos nosos trobadores de antano, que configuraron as súas trobas, tendo como protagonistas a nosa paxarada, que aínda nos asiste. Aves rescatadas por ilustradores e iluminadores de libros de horas, na que tantas delas están perpetuadas neses destaques cromáticos, con paixón acrobática e ritmos tan marcantes e perpetuados no noso Cancioneiro medieval. Paxaros, máis paxaros para pór ledicia ao inverno, e tecer e dar pulo á “Escolanía de melros” de Faustino Rey Romero.