O Primeiro de Maio e a loita de clases
Aproxímase o Primeiro de Maio, día internacional da clase proletaria. Día en que o proletario de Chicago ergueuse contra a explotación da burguesía capitalista, esta non dubidou en axustizar aos oito dirixentes, os coñecidos Mártires de Chicago en 1886. Outro voluminoso crime de Estado dirixido polo capitalismo ianqui, fronte o acordar da clase obreira en demanda de oito horas de traballo, oito de descanso e oito de cultura. Esa reivindicación percorreu o mundo e resplandeceu en múltiples lugares. Galiza non estivo exenta deste resplandor. 15 anos despois dos acontecementos de Chicago, a clase obreira da Coruña revelouse contra a miseria de salarios e contra a fame, contraída pola falta de traballo.
Naqueles días do 30 e 31 de maio de 1901, o proletariado da Coruña ergueuse contra o asedio dos explotadores e estes non dubidaron en cometer outro crime de Estado, asasinando a oito traballadoras e traballadores, considerada a primeira folga xeral galega, na que se reivindicaba o traballo, o descanso e a cultura, para as vinte catro horas partilladas en oito, respectivamente. Os oito mártires da Coruña tiñan sentimento proletario e esencia galega de nación e, tamén, nomes e apelidos nosos: Mauro Sánchez, veciño de Monte Alto; Francisco García Lodeiro, serrador; Benita García e Manuela González, serventas do Hotel Francia; Xosefa Corral; Antonio Bruno, augadeiro; Xacobe García, zapateiro; e Antonio Veiga, carpinteiro. Ademais destes oito asasinados pola garda civil foron encadeados mais de 150 obreiros e obreiras.
Dúas datas para lembrar as loitas de Chicago e da Coruña; para reflexionar sobre as loitas reivindicativas daquel mundo industrial do século XIX e XX e sobre a formación dun proletariado hostil á explotación capitalista. Actualmente estamos en débeda con todos eses precursores de enormes cambios sociais e políticos. Neste próximo Primeiro de Maio, día internacional da clase proletaria, é lícito pensar porque se festexa unha derrota, mais é unha festa de rebeldía conta os opresores; un día para potenciar a voz ante tantas inxustizas e ir alén do que se escoita nas rúas da miseria, nese presente laio de Xob, que é mesmo o dos desempregados.
Ese laio bíblico escoitase con solemne repercusión cando millóns de excluídos van tras das migallas da opresión. Moi poucos proclaman o que dixo Rosalía: “A xustiza pola man”. Cómo e cando? Volvendo ás esencias, ao reencontro das encrucilladas onde as loitas suspenden os laios e as fraquezas e dan alborozo de liberdade e solidariedade, para partir polo camiño redencional dos que sofren e traballan. Volver as esencias quere dicir recobrar a ideoloxía perdida e esnaquizada polo lumpen proletariado, polos falsos proletarios con aspiración a burócratas e convertidos en espoliadores de clase. O colaboracionismo está á vista no fraude político dos confabuladores de “esquerdas” e “sindicalistas” de falsa conciencia e traxectoria, asentados nas poltronas miserábeis que lles tende o poder das opresións.
Neste dirección estamos perdendo tempo e espazo, e para repoñerse hai que ir aos principios ideolóxicos que se teñen abandonado. Nesta dirección, talvez atopemos respostas, atopando a millóns de traballadores espoliados de hoxe. Dicía Marx: “O tempo é o espazo en que se desenvolve o home. O home que non dispón de ningún tempo libre, cuxa vida, prescindindo das interrupcións puramente físicas do sono, das comidas, etc., está toda ela absorbida polo seu traballo para o capitalista, é menos aínda que unha besta de carga. Fisicamente esnaquizado e espiritualmente embrutecido, é unha simple máquina para producir riqueza allea”. Somos conscientes deste espazo no que comeza e remata a castración da clase traballadora?
No capítulo XXIV de “O Capital”, Marx volta a insistir: “No transcurso da produción capitalista, vaise formando unha clase obreira que, a forza de educación, de tradición, de costume, sométese ás esixencias deste réxime de produción como as mais lóxicas leis naturais. As organizacións do proceso capitalista de produción xa desenvolvido vence tódalas resistencias; a creación constante dunha superpoboación relativa mantén a lei da oferta e da demanda de traballo e, por elo, o salario a ton con as necesidades de crecemento do capital, e a presión xorda das condicións económicas sela o poder de mando do capitalista sobre o obreiro”.
Na actualidade vivimos e observamos crúas realidades cando se converte en obediente representante da clase capitalista a tantos desclasados, aportando apoio aos opresores, de desfeitas de postos de traballo, onde a máquina é a infiel substituta do traballador. Infame a situación, mais conta con cómplices que toleran e manifestan xustificacións. A democracia mangoneada por unha clase que manipula o Estado en seu beneficio. Sobre esta comuñón, volvemos a Marx: “A burguesía, que vai ascendendo, necesita e emprega aínda o poder do Estado para “regular” os salarios, é dicir, para suxeitalos dentro dos límites que benefician á extracción de plusvalía, e para lograr a xornada de traballo e manter ao mesmo obreiro no grado normal de dependencia. Este é un factor esencial da chamada acumulación orixinaria”.
Neste expediente de actualidade, observamos o capitalismo en súa maior furia e contradición espoliadora e concentrada nun grupo financeiro que domina o universo. A vista está ese poder concentrado no autoritarismo de Donald Trump e seus secuaces, con asumidas tendencias fascistas. Todos eles produto da acumulación capital-imperialista. Neste sentido, precisamos da voz elocuente dun Primeiro de Maio orixinal, que responda contra os avances fascistas que intentan derrotar a liberdade e a democracia que foi forxada pola conciencia e loitas proletarias.
O Primeiro de Maio evoca acción e estimula a blindarnos no vencello das grandes leccións do pasado, actualizándoas. Fáltanos conciencia do pasado; memoria da loita de clases e das súas definicións ideolóxicas? Sen a ideoloxía da clase obreira non hai orientación posíbel para facer unha lectura correcta sobre o contexto insocial que nos asiste. Hai prioridades que asustan e medos que nos acoitelan. Mais estamos nun estadio de tomar autodeterminacións colectivas, ensanchar a palabra revolucionaria. A palabra xusta, pacífica e non temeraria sempre foi revolucionaria. A clase asalariada precisa de contundencias, nesta circunstancia, non destinguimos a un obreiro de outro asalariado técnico ou intelectual que está baixo o control dun capataz ou dun reloxo, para cobrar a fin de mes. As relacións e estratificacións de traballo, concibidas pola clase dominante, son factores de estratexia para dividir aos diversos extractos da clase asalariada.
As actitudes e actividades reivindicativas de masas na Galiza, en vésperas do Primeiro de Maio, son potentes e decisivas como se veñen manifestando contra a imposición da celulosa Altri, que é combatida por miles de galegos en suculentas manifestacións en varios espazos de Galiza; manifestacións contra as deficiencias sanitarias; en pro dun ensino en galego e polo rescate do noso idioma e contra outras flaxelacións que padece a sociedade galega. O Día Internacional do Traballo é un día de forza e esperanza para lexitimar a nosa identidade e de mellorar a vida dos desherdados da nosa Terra e do Universo.