A pretendida relación de Galiza coa lusofonía
As tentativas dunha relación da Galiza cos países lusófonos, tendo a Portugal como referencia inmediata, pasa por carencias estruturais que compre superar. Superación que depende de barios ámbitos administrativos e parámetros institucionais. Ámbitos que carecen dun innovado dinamismo que repare diferencias e contradicións para abrir novas perspectivas de intercambio e recoñecernos e divulgarnos mutuamente. Quizais sexa este o primeiro imperativo dun novo modelo de relación entre a Galiza e a comunidade lusófona, especialmente coa África de expresión portuguesa e o Brasil.
Neste mundo globalizado, con tantas contradicións mundiais de actualidade, aínda a estatística dos idiomas e das proximidades literarias, contextualizados por bloques de falantes e compostos por millóns de persoas que falan unha determinada lingua. O idioma portugués é un dos mais importantes que se falan no mundo, espallado por catro continentes e considerado como un dos bloques lingüísticos de sólida estabilidade. O idioma galego, ao que concorremos case tres millóns de falantes, está intervido, degradado e colonizado polo castelán, en todos os ámbitos posíbeis, destacando o político, pertence pola súa orixinalidade e connotación ao bloque lingüístico lusófono e non ao hispano. Se alguén parcela, delimita e contradí esta verdade argumentada cientificamente, que beba das contundencias que nos ofrece o Cancioneiro galaico-portugués e que se ilustre en referentes históricos que nos son comúns a galegos e portugueses. Neste caso, resúltanos prioritario salvar un idioma mediatizado e colonizado. E isto só se fará cando Galiza teña conciencia do valor que ten a nosa lingua, como rescate da nosa personalidade nacional e dos esclarecedores atributos esclarecidos na nosa idiosincrasia e, tamén, nos valores da lusofonía, diversificados en varios ámbitos e correspondencias que nos asisten no apelo nacional.
Ante realidades tan concretas e tan necesarias para seguir insistindo de que Galiza é unha nación sen estado, no que é necesario unha reflexión profunda que debemos impor co pragmatismo desa verdade intransferíbel, como é a personalidade e a identidade dos galegos que se manifestan na particularidade do noso idioma. Idioma que é entendido en toda a área lusófona, desde Portugal ate o lonxincuo Timor Leste, pasando polo Brasil e as antigas colonias portuguesas de África e Asia.
Obxectivamente, o noso universo lusófono como pertenza, cada vez mais coñecido e divulgado, precisa que os galegos teñamos como elemento concienciador estas palabras de Fernando Pessoa: "A minha pátria è a língua portuguesa". Desde o lado galego, cos agravios mais rotundos que levamos ás costas, que cargamos con eles desde a idade moderna iniciada no século XV, etapa liquidadora dos albores do medievo, compre lembrar os seguintes versos do trobador galego, Xohán Airas: “Se mi xustiça non val/ ante rei tan xusticieiro,/ irme hei ao de Portugal”.
Estes versos son para os galegos unha metáfora que revela as sinais identitarias dun pobo desoído; dunha comunidade estábel que precisa entender ben o significado universal da lusofonía que se concreta na cantiga de Xohán Airas. Un trobador que en poucas verbas abre un interesante debate de aspiracións en rescate. É verdade que temos pendente unha serie de temarios que aínda non teñen sido desenvolvidos polos que aspiramos a que os outros irmáns na lingua e no perfil cultural, temos que trazar innovadoras ideas que concreten un intercambio de traballos de persistente pragmatismo.
Este propósito foi exposto por servidor no III Encontro de Professores de Literaturas Africanas, celebrado en Rio de Janeiro en febreiro de 2008, coa participación de mais de catrocentos especialistas desta área, e organizado pola Universidade Federal do Rio de Janeiro, no que expuxen o temario da divulgación, priorizando o campo da literatura da lusofonía na Galiza e viceversa. Desde esta preocupación, como divulgador das literaturas e de outros ámbitos sobre a lusofonía, son optimista ao observar certos referentes do que debe representar Galiza na lusofonía, unha tarefa exixente e corporativa na salvagarda da nosa personalidade nacional.