Memorial da tafona de Ribadavia
Na travesa da Porta Nova de Arriba, no gueto xudeu de Ribadavia, gustaba de pasear por esas rúas estreitas e de ir á antiga tafona (forno) de Herminia Rodríguez Carballal, que a súa xubilación permitiulle pechala. Eu teño saudade e mágoa daquela prodixiosa tafona onde a Herminia, mestra e artesán da repostaría, con todas as marcas da tradición hebrea que os sefarditas de Ribadavia practicaron. Unha tradición que foi desartellada pola expulsión dos xudeus e perseguida pola canónica católica. Pese ao acervo inquisitorial, o espacio clandestino non deixou esmorecer esa fecunda tradición gastronómica. A culinaria sefardita que tantas inventivas procesou nos diversos espacios da península Ibérica e que introduciu receitas tan distintas e sempre en función dos productos que se daban neses espacios e, tamén, en función da climatoloxía e respectando a lei de Moisés no Levíco.
Nesa impetuosa Ribadavia, sempre en desafío cos que tentaron matar a lembranza e a saudade daqueles meritorios xudeus que crearon cultura e arte, nada rudimentaria, que articularon unha serie de pratos que enaltecen a cociña ibérica. Os nosos xudeus tamén fomentaron en Galiza unha distinguida variedade de doces que enalteceron a calidade da nosa gastronomía. Pese a que os axentes inquisitoriais silenciaron esa inventiva do bo comer e beber. Aquel rexurdir da Ribadavia sefardí, no que respecta á repostería e a dunha gastronomía florecente que deu pulo á capital do Ribeiro.
O orgullo renacido e novamente contemplado nesa artesanía de ingredientes, como a que fai a Herminia na súa tafona. A variedade de doces con múltiples sabores viñeron a configurar a recuperación dunha cultura étnica que practicaron os xudeus galegos. Unha cultura, a da diversidade, lexitimamente nosa e que botou raíces e que puidemos contemplar a súa orixinalidade e a esmerada reprodución que puido reconstruír, parte daquela dieta de sobremesa que a señora e sustentadora da tafona, esplendidamente ofreceu durante longos anos lexitimando unha estética de cativa atracción para vilegos e forasteiros.
No mostrador da entrada do forno observábamos o hexagrama hebreo (mais coñecido por estrela de David ou selo de Salomón). Herminia, afánouse amablemente por informar sobre seus productos e a primeira información que nos daba era a través dun pequeno folleto que indica: “Tafona da Herminia, doce artesanal especialidade en doces hebreos”, e no interior da mesma especificábanse os seguintes: “Bocadiños de améndoas, elaborado con améndoas e canela”. “Kamisch-Broit, elaborado con noces ou améndoas”. “Mamul, ingredientes básicos: froitos secos, pétalos de mapoulas e augas de azar”. “Ma’Amul, ingredientes básicos: crema de dátiles e auga de rosas”. “Ghora Yebah, elaborado con fariña integral de abelá”. “Mostachudos, ingredientes básicos: noces e cravo de olor”. “Bocadiños de dátiles, ingredientes básicos: dátiles, noces e azucre integral moreno”. “Kupferlin, elaborado con fariña integral de améndoa”. “Kijelej de Mon, elaborado con sementes de mapoulas”. “Masiñas de mapoulas, ingredientes básicos: sementes de mapoulas e esencia de vainilla”. “Cardamomo, ingredientes básicos: améndoa e cardamomo”.
A presencia de todos estes ingredientes tan particulares e nada exóticos configuran unha creatividade orixinal que gracias á sabedoría dos antigos sefardís e ao bo facer da Herminia Rodríguez Carballal, renaceron neste espazo tradicional que os xudeus lexitimaron e que cruelmente tiveron que abandonar estes eidos por culpa da asasina espada e pola brasa ardente do integrismo fundamentalista de inquisidores. Perseguindo, liquidando e prohibindo aos que tiñan outras prácticas alleas aos destes perversos perseguidores. Así foi como Ribadavia floreceu cos xudeus e a idea única católica decapitou todo aquel proceso progresista que os diferentes construíron pacientemente. Por tanto, a labor da Herminia, traballando esas figuriñas de pan, dando forma e sabor a eses doces que os xudeus de Ribadavia degustaban en témporas de liturxia que o Pentateuco esixía, e outras que formaban parte da dieta e que están novamente redimidas. Isto é un acto sublime de memoria que debemos agradecer á forneira da tafona de Rivadabia.