As liturxias da choiva

Nunca conseguín darme unha molla coa choiva súpeta que descargan farturentas nubes. Tiven a tentación de saír espido á campaza da miña casa rural, mesmo cando os poros demandan respirar e fartarse deses pingazos de treboada espesa batendo na pel. Confeso que son demasiado covarde para resistir os clamores da choiva sobre o meu corpo nu. Da a sensación que non procuro a inocencia de ser libre e salvaxe como un veado, aínda que as glándulas sudoríparas me pidan que desexan congratularse cos temperos dunha choiva ininterrompida e agradecer á pel a súa resistencia. Penso nese resplandecente e barullento trebón entenrecedor, que só un corpo liberto coñece a súa linguaxe en tan elevada liturxia, compracendo a candidez deses corpos que desexan esas grosas pingas caendo en apoteótica verticalidade sobre eufóricos corpos que reciben tantas sensacións e plenitudes.

Estando en Luanda, non me deixou indiferente a auga do kajimbo (época de choivas do mes de maio), daquel chover cando o ceo esgazou sen dar aviso de diluvio. O grosor das pingas harmonizaron e humanizaron tal sinfonía naquelas crianzas desposadas de ataduras e vestes, tan xubilosas que parecían representar unha ritualidade animista; un don de grazas repetíase en seus cánticos e alborozos pola  xenerosidade xerminal que despegaban os nubeiros. Sen finximentos e arrepíos aquelas crianzas saltaban núas e inocentes a expor e relaxar as súas experiencias de saber espirse a tempo, cando a choiva preconiza o final das alienacións e dos desconcertos que Occidente levou a África.

Mais os galegos estamos acostumados a esa solemnidade evocadora rosaliana: “como chove miudiño”, non só en Laíño, Lugo e Compostela, en todo lado da nosa nación. A choiva de Compostela, ten esa manía e maneira de ser humilde a sosegada. Por veces,  tamén, é impertinente e usurpadora, así a din moitos peregrinos e turistas que transitan e manifestan malestar, en seus dicires devoradores, cando transitan por ese griálico bosque de pedra, enfardados en chuvasqueiros de plástico, repudiando o chover miudiño. Mentres que os galegos saboreamos, en soidade, esas pingas sutís e ollamos as rúas composteláns en vertical, coa caluga despexada no albiscar dun neboeiro fuxidío, cubrindo o monte Pedroso e, logo, poñer o seu manto esfiañado de mansiña choiva sobre as torres de Compostela, polas que se filtran raiolas solares, que imploran por albores de luz prodixiosa: esa choiva mística en mudanza. Mentres os pés demandan andaina e puntualísima dilixencia de estar sustentado por eses fiaños de choiva miúda e ollar a fachada do Obradoiro, o pórtico das Praterías e na praza da Quintana escoitar os tangueres da Berenguela, ese metal sonoro, dando noticia do peso do tempo que nos remoe e  devora. Nesas insinuacións do reloxo da Berenguela está o vital da miudiña choiva de Compostela que vai en nós.