A invención de Santiago na Galiza
Na Revista Grial número 161, correspondente a 2004, ofreceu unha interesante primicia sobre a invención do sartego do apóstolo Santiago o Maior, en Compostela. Así como a invención da súa prédica por terras ibéricas. Un tema importante que se notaba a faltar na historiografía galega, a que non poucos historiadores de antano non quixeron entrar nun tema case vedado polos poderes eclesiásticos. Por tanto, pouco apetecido no mundo xornalístico que moi poucas veces referenciaron este mito, tan introvertido como contraditorio que, moralmente había que esclarecer. Mais Grial deu o asalto. E non pasou nada por revelar parte da verdade, sobre o mito da presenza e do sartego de Santiago na Galiza. Por tais precisións non van a caer as torres do Obradoiro. A outras cidades lles foron atribuídos numerosos mitos, que verificados resultaron incorrectos ou falsos. A Roma de Rómulo e Remo, aí segue en pe; a Barcino Nova (Barcelona) de Amilcarbarca, nas investigacións arqueolóxicas mostraron que todo iso era un bulo; o “Velo da Verónica” de Turín, na que Xesús enxugou seu rostro, supostamente, a análise concluída tratábase dun lenzo do século XII; León XIII e o cardeal Payá foron os protagonistas de proclamar en 1884, a autenticidade dos osos do apóstolo Santiago na cripta da catedral. Declarando ano xubilar extraordinario o ano 1885, abrindo un novo período das peregrinación a Compostela.
Neste sentido, non podemos negar o marabilloso maxín da invención da barca-pedrón que trasladou o corpo de Santiago a Galiza, que non deixa de ser dogma de fe. Da presencia de Santiago na Galicia nada nos din os tres concilios bracarenses nin o propio san Martiño de Dume se referiu a este tema. Se non se producira a invasión árabe no ano 711, non se mencionaría a batalla de Clavijo e o mito do Santiago matamouros, tal como apuntan tantos autores do lado cristián. Nese confronto bélico xurdiu a invención da presencia de Santiago predicando o Evanxeo na península Ibérica e ganando a dita batalla en favor dos cristiáns. Tal invento non pode ser mais simplista pola falta de datos contrastados e incluso apoloxéticos, dado que os períodos cronolóxicos da vida e da morte do apóstolo Santiago desbotan a tal prédica en España. Hai un dato concretísimo na Biblia, que atopamos no Novo Testamento, onde S. Paulo di en Romanos 15, 20-21, o seguinte: “De tal xeito que tiven a honra de evanxelizar onde nunca se falou de Cristo, para non edificar enriba de alicerces alleos”. Paulo matiza no versículo 24: “Cando vaia a Hispania espérovos ver de paso e que vós me facilitéde-la de ir ata onda vós, cando vaia a Hispania espérovos ver de paso e que vós me facilitéde-la viaxe”. Se España fora evanxelizada por Santiago que interese tiña a viaxe que tiña programada san Paulo, dado que en súas palabras esclarece bastante ben o tema de ir a rexións non evanxelizadas como era o caso da península Ibérica.
Unha das mais destacadas investigacións sobre a presenza do apóstolo Santiago na Galiza, aparece na “Historia eclesiástica de España”, da autoría dun ilustre xesuíta, historiador e polígrafo, como foi Zacarías García de Villada (Gatón de Campos, Palencia, 1879 e asasinado en Vicálvaro, Madrid, en 1936) que desbota os dous elementos principais do mito: prédica e enterramento en Compostela. A longa investigación de García de Villada foi clave neste contencioso para desfacer o mito que, en definitiva, era unha cuestión de Estado que pretendeu ante a Igrexa mostrar que a tumba de Santiago estaba na Galiza. Tamén nos fala do conflito entre a igrexa primada de Toledo e a sede compostelán, alegando a súa superioridade por conservar o corpo dun apóstolo que a de Toledo negaba rotundamente.