A indixencia espiritual do sexo feminino

O encabezamento deste artigo é un rescate do título do libro de Roberto Nóvoa Santos, “La indigencia espiritual del sexo femenino”, publicado en Valencia en 1908. O famoso e controvertido médico e catedrático de medicina da USC, resúltanos un extraordinario misóxino que nos lévanos a esa indixencia mental, en uso e forma, con tantas emanacións daquel áspero e cruel machismo que aínda nos asiste, tan imposto e asumido pola sociedade do rural galego, do que foi vítima e  pouco predisposta a unha crítica formal do que se pasaba naqueles inicios do século XX na Galiza, tan desautorizada a significar os sufrimentos e a marxinacións das mulleres. Houbo voces e estampas que rexurdiron, como as de Castelao, en activas denuncias que se unían ás patentes femininas de Rosalía. Nese primeiro rexurdir das mulleres redentoristas, que Rosalía escenifica no poema: “A xustiza pola man”, tan feminista como revolucionario. O machismo negouse e actualmente négase a visibilizar a realidade de aceitar a igualdade e a liberdade soberana das propias mulleres, en calquera escenario posíbel da súa absoluta vontade.

Por tanto, aquece visibilizar o relato de dous misóxinos históricos galegos, Roberto Nóvoa Santos e Francisco de Aguiar e Seixas natural de Betanzos e arcebispo da cidade de México. Sobre o primeiro, recluímonos na información que nos aporta Domingo García-Sabell, no seu libro: “Roberto Nóvoa Santos”, publicado na Coruña en 1981. No capítulo: “A muller, ¿ser biolóxicamente inferior?”. Nóvoa Santos ten un encontro en Galiza con Lydia Guppel no verao 1906. Guppel era unha avanzada feminista que no seu diálogo malfadado con Nóvoa, o desencontro foi evidente entre a feminista e a pechada postura misóxina de Roberto Nóvoa Santos, prometendo a Lydia Guppel “escribir un libro para demostrar a inferioridade mental da muller”. Tal libro o publica en 1908 -como xa queda dito-.

García-Sabell preséntanos varios síntomas psicolóxicos e anatómicos en que Nóvoa concluía súas posturas disidentes e manifestando que “o cerebro humano é máis cativo na femia que no varón”. Entre outras opinións nas que se mantiña o seu castelo de cartón asentado en area. Roberto Nóvoa Santos non deixou de manifestar a súa hostilidade contra as mulleres, recluíndose nun discurso biolóxico e de extraordinaria catadura, cando manifestou que a sensibilidade do sexo feminino “é a testemuña da súa pobreza mental”. En definitiva, todo un discurso moi adaptábel e aceptábel para a mentalidade cultural daquela Galiza rural, e non só, na que se reprimían os azos de liberdade que expresaban as mulleres fronte ao sistema medievalista, potenciado polos tópicos e tabús dirixidos pola Igrexa, en seus ditados preceptivos, aceptados e seguidos por institucións civís, tan servís como predispostas a inculcar estímulos discriminatorios coas “pecaminosas fillas de Eva”. Na que se debe engadir  “La indigencia espiritual del sexo feminino”, de Roberto Nóvoa Santos.

O segundo en transo misóxino, foi o peculiar arcebispo de México, Francisco de Aguiar e Seixas (Betanzos, 1632-cidade de México, 1698), pertencente á nobreza galega, e educado baixo a estrita monarquía de Felipe IV, sempre vestida de lutuosa, coa súa solemne e beata instrución relixiosa naquela Compostela, onde a Inquisición convertía ás mulleres acusadas de bruxas e curandeiras en vítimas das fogueiras crematorias. Ademais, a prepotente doutrina da Contrareforma, vixente na época en que Aguiar e Seixas perfilouse como radical e reverente misóxino. Cando exerce de arcebispo en México, manifesta o odio ás mulleres (“transmisoras do pecado de Eva a toda a humanidade”). Este arcebispo foi un omnímodo preceptor e apólogo dos decretos do Concilio de Trento. No seu pazo arcebispal, non había mulleres, o servizo de cociña e de limpeza era exercido só por homes, entre outros labores.

As prohibicións e persecucións de Francisco de Aguiar e Seixas eran habituais, como a queima obras teatrais e a desfeita de teatros clandestinos de comedias. Creou escolas exclusivamente para nenos. Desde o púlpito atacaba especialmente ás mulleres, por impúdicas, inmodestas no vestir, engadindo aos conventos de relixiosas. Nesta dirección, tivo fortes conflitos con sor Juana Inés de la Cruz (1651-1695). A súa monstruosa misoxinia o levou a obrigar a esta prestixiosa escritora e freira xerónima, a abandonar as letras, cando non o conseguiu queimoulle a súa biblioteca persoal, acusándoa de ter libros impíos. O novel escritor, Octavio Paz, na súa obra: “Sor Juana Inés de la Cruz o las trampas de la fe”, sinala a Aguiar e Seixas como de “furibunda misoxinia”, de “mortificante luxuria” e de “excéntrico e hiperbólico”.

Lamentamos que aquela Galiza ensumida no fanatismo inquisitorial, puidese crear e exportar estes menstruos. Mais todo aquilo que se coceu en Trento, non era máis que unha reposición das normativas místicas do século XII. Nesta época o esperpento máis lesivo foi a misoxinia, que apuntalou con ridículo actual, o cisterciense Bernardo de Marlaas, que arengou este descomunal ridículo misóxino: “A muller innobre, a muller pérfida, a muller ruín, macula o que é puro, mastiga a impiedade, bota a perder todo acto decente. A muller é abismo da sensualidade, instrumento do abismo, boca dos vicios que non retrocede ante ninguén e concibe de seu pai e de seu fillo. Muller víbora, non é ser humano, só besta feroz”. Isto si que nos inspira fraternidade e igualdade paritaria.