O colonialismo, visto por Aimé Césaire e Frantz Fanon

A actual situación política e económica mundial, baixo a mirada colonialista estadounidense, executando accións imperialistas en Venezuela; o ímpeto de invadir Groenlandia e marcando con coaccións a outros países do continente latinoamericano e asiático. En todos estas ameazas de forza colonial, mostra unha palpábel debilidade polo fracaso económico e tecnolóxico dos USA, que a gobernabilidade ianqui non oculta. Desde o sucedido co secuestro de Nicolas Maduro e as amezas contra a integridade de outros países limítrofes. Persoalmente, estas accións fanme recapacitar e volver ao rego dos meus ideólogos do anticolonialismo da segunda metade do século XX: Aimé Césaire (Martinica, 1913-2008) e Frantz Fanon (Martinica, 1925-Maryland, 1961). Os dous, naturais da illa caribeña de Martinica, coligada á república francesa.

Césaire suxíreme inmensos encontros combativos coa súa intervinte poesía e co movemento da Negritude, que el creou pola dignificación dos negros de todo o mundo, na súa convincente posición sobre o colonialismo en África. A gran lección que transmitiu o rebelde Aimé Césaire, frutificou en revoltas e no in crescendo das revolucións de liberación dos nacións africanas baixo a tutela represora do colonialismo europeo. A repercusión da Negritude nos Estados Unidos, coa acción das propostas que Césaire tiña lanzado ao mundo negro nas décadas de 1930 e 1940, significados revulsivos contra a desigualdade e o racismo. A súa contundencia intelectual manifestada no famoso “Discurso sobre o colonialismo”, que pronunciou en 1955, lévanos a dixerir  unha radical toma de pose intervencionista anticolonial, de contundente e aplicábel actualidade, para a enorme maioría das civilizacións dos colonizados deste planeta. O ilustre intelectual martinicano, deixou estas tres advertencias para os políticos e outros tolos que nos desgobernan, cómplices que toleran ser oprimidos, como subliña Césaire: “Unha civilización que se mostra incapaz de resolver os problemas que o seu funcionamento suscita, é unha civilización decadente”. “Unha civilización que dicide pechar os ollos a seus problemas cruciais é unha civilización enferma”. “Unha civilización que escamotea seus principios, é unha civilización moribunda”.

Que pensamos desta Europa que comeza a espertar ante un posíbel cataclismo que a fai estremecer, cando estivo placidamente baixo o paraugas dos EE. UU? Mais o paraugas pechouse e agora hai que soportar o diluvio, sen ter resolto unha mínima prevención defensiva, capaz de garantir un relato propio de independente. O mítico rapto de Europa fica na lenda; o actual rapto de Europa a posiciona no borde do colapso colonial-imperial, programado polos norteamericanos. Aquela Europa sanguinaria, colonizadora de África que a despoxou das súas materias primas, proporcionándolle negación ás culturas e linguas orixinais, integrándoas na negación,  no alfabetismo e no servilismo con métodos represivos e xenocidios, non negados polos propios executantes.

Nesas clarividentes situacións remítome ao conterráneo e discípulo de Aimé Césaire, refírome a Frantz Fanon (pola súa obra anticolonial, síntome fanonista), ajutor do seu libro cumial: “Os condenados da terra”, dixo de Europa: “Abandonemos a esa Europa que non deixa de falar do home ao mesmo tempo que o asasina onde queira que o encontra,  en todas as esquinas das súas rúas, en todos os recantos do mundo”.