Chegou maio longo

Chegou maio coas calendas longas para endereitar os campos e revolucionar aos labregos en seus labores de cultivo. A cantiga das “Maias” de Alfonso X O Sabio, en cada inicio de estrofa demanda loalo: “Ben veñas, maio, con moitas requezas”; “Ben veñas, maio, con pan e con viño”; “Ben veñas, maio, alegre e fremoso”... Esta cantiga alfonsí, do século XIII, de benvida e de loa dedicada ao maio xerminal, o dos longos traballos que ían do lusco ao fusco, que eu lembro no fulgor da labregancia, mais agora todo foi ao borrallo. Unha cantiga que garda relación cos miniados daqueles libros de horas e calendarios medievais que enxalzaban ao mes de maio con escenas campesiñas e bucólicas como as que aparecen no “Libro de Horas de D. Manuel”, rei de Portugal. De evocadores iluminuras que resaltan escenas campestres da nobreza en veleiros, e labradores cercados por campos verdes e produtivos. O ocio e o traballo, en contraposición e matizando a loita de clases.

Nos calendarios esculturais do románico, como o da igrexa de Santa María do Azougue de Betanzos, único exemplar na Galiza, o mes de maio está representado por unha figura antropomorfa cunha ave, representando a arte de cetraría, representativa do mes de maio. Mais no pórtico románico do mosteiro de Ripoll, está o chamado “Calendari dels pagesos”, con doce elementos figurativos, lembrando aos labregos os traballos que teñen que realizar en cada un dos meses do ano. O mes de maio está representado e dedicado a recollida de froitos.

Das miñas vivencias e lembranzas infantís mais primarias da década de 1950, onde o rural galego preservou unha serie de normas e conceptos orixinarios dos traballos e dos cultivos da terra, nos que se resaltaba certo medievalismo en localizadas estruturas dos labores do campo. Maio estaba aí cos seus encantos e prodixios, abrindo un tempo bulicioso cando os labregos preparaban a terra para a sementeira, nesas leiras e agros longos, berrando coa xugada de vacas de arada que abrían o rego. Era un berro prolongado ben adobado de ledicia musical. Posiblemente unha alegoría, unha satisfacción de realizar un labor como o da sementeira. A estampa que nos deixaba ese espazo labrado parecíase aos miniados dos libros de horas e dos calendarios medievais. Unha estampa de relevancia do mes de maio que aparece nutrido de lustre verdoso das paisaxes naturalizadas do noso país e cunha variedade de paxaros na cimeira dos arboredos. O maio dos longos días, no arado abrindo canle e rematando suco, e sobre eles ía unha nutrida bandada de pegas, rulas e lavandeiras apañando insectos.

Nos versos rosalianos de “Follas Novas”, encontramos esta primicia: “Maio longo, maio longo, / fuches curto para min: / veu contigo a miña dicha, / volveu contigo a fuxir.”  Nos maios dos anos cincuenta vivín esa realidade naqueles ambientes de renovación festeira do ciclo estacional de primavera, motivada por tantas mobilidades e expresións extravertidas, que ben podía responder a ese delicado florilexio natural, vestido de poderoso colorido das xesteiras, toxeiras e uceiras. Esa forza telúrica revelada en maio, que resplandecía no mais tenro e esencial alborexar comunicativo mais directo coa terra que nos anima e nos sostén e sustenta. O panteísmo a latexar en nós, a enchernos e refacernos de existencialismo pletórico.

A principios daquel decenio comezaba un cambio expresivo de expresivas sombras que o nacional-catolicismo difundiu unha nova táctica que superaba a pesada tebra dos anos corenta. Unha década de morte e dispersión polas interminábeis represións que levou acabo a ditadura, e despois de feita a faena de exterminio, apareceu a década dos cincuenta abandeirada polo espírito relixioso para reeducar e normalizar a norma que o clero concretou con unha movida relixiosa moi contundente e negadora do Evanxeo, e de obrigada asistencia e permanencia. Naqueles ambientes, o maio florido dos labregos estaba cargado de sometementos. Mais este rapaz, agora entrado no minifundio dos anos que me fan octoxenario, non sospeitaba de tantos remorsos, silencios e desconcertos que contribuían aqueles actos relixiosos de convocatoria unánime, no que reinaba o espírito único de incontinencias doutrinarias reservado para domesticar e alienar. Aqueles maios floridos eran dedicados á Virxe María e para pasear a Virxe de Fátima de pobo en pobo. Todo unha marianada moi completa que a min me divertía e integraba naquelas inauditas manifestacións depresivas. Do que mais gustaba en maio eran aquelas “Santas Misións” que cada parroquia organizaba con exquisita suntuosidade e a elas concorrían as parroquias do perímetro da que organizaba. A prédica era conducida por dous grosos xesuítas, sen titubeos doutrinarios, polo que eu podía ler no rostro dos ouvintes. Obrigaban a ir a esas concentracións misionais a dúas persoas como mínimo de cada casa. Alí estaban os “furtivos e descarrilados” -como os xesuítas chamábanlle ao xentío- que acugulaban aqueles soutos, convertidos en templos campestres. Alí estaban aquelas mozas de belas composturas e fermosuras, con vestes de branca pureza, para carrear a virxe, por ser elas as “Fillas de María Santísima”. Non faltaban as encomendas dedicadas a elas. Mesmo sinalando que foran nadas para os  arranxos caseiros, para respectar e obedecer ao home, para parir e criar fillos e ser imitadoras de María.

Que imaxes aquelas repregadas nos meus silencios dun desprotexido neno, cuxa emoción resplandecía nos maios floridos, que a miña memoria retoma agora como algo retórico, quizais para sorprenderme coa lembranza do que me divertía naquelas procesións, tan inxenuo ante morbosa prédica. Aqueles maios que me emocionaban co arrechouchío de paxaros; aquel chiar de carros; aquel pulo e donaire aldeán lexitimando   o herdo e a identidade de labregancia. Algo tan importante como os maios, longos e algareiros da miña infancia. Acabaron, mesmo finaron. Só a memoria saudosa reten o fascíneo daquelas emocións, cada vez máis en desamparo. Mais un sigue teimando e cultivando o afervoado “Menosprecio de Corte e Alabanza de Aldea”, título do libro da autoría daquel vello bispo de Mondoñedo do século XVII, Antonio de Guevara.