Aqueles tempos dos xamoneiros rurais

Entre os meses xaneiro a marzo, cando a carne da matanza considerábase curada, e pendurábana en enaltecida touciñeira, sobre a fumeira que recibía de portentosas lareiras labregas. Aí estaba o don desa ofrenda do porco inmolado, que era temperado e contemplado coma a reliquia da fartura de todo o ano. Aquelas acuguladas touciñeiras con perfume a chamusco, cando da carne enxoita percibíase un recendo intenso e agradábel. A admiración de ver a riqueza que un porco aporta en casa de pobres axudaba o sorrir. Mais a ledicia duraba até que un chifre de metal sonorizaba as aldeas. Digo de metal, por distinguilo do que levaban os capadores e afiadores que era de cana e o do muiñeiro da miña aldea era de corno de carneiro. Os catro eran desiguais no son e no barullo, que un labrego distinguía a procedencia dese clamor de reclamo e oferta. O chifre de metal dourado era dos xamoneiros, que exercían este oficio temporal e que eles dábanlle un certo rango comercial de distinción o seu labor, que se notaba no chifre e naquelas mulas corpulentas e de relucente pelaxe que cargaban cos xamóns. A indumentaria que distinguía aos xamoneiros era unha bata azul, proclamando a estirpe dos  mercadores de xamóns. Mais estes eran os ourensáns de Maside, Dacón e Garabás, que percorrían o sur da provincia de Lugo.

Os xamoneiros era xente moi curtida no regateo da oferta e de utilizar certas trampas sutís como era a falsificación do peso diminuído dos xamón. Eles alteraban a súa propia romana (balanza) o peso real e normalizaban con disimulo o que mais os favorecía. A inspección que facían era moi simple, sacaban dunha pequena funda de coiro un chuzo de madeira que introducían e afondaban no magro do xamón, o ulían con cara de espanto, revelaban o falso síntoma de que o seu interior estaba podrecido polo verme-areixa e dábanllo a cheirar a vendedor. O truco e a falsidade consentía de que o chuzo estaba impregnado de carne podrecida que eles utilizaban para rebaixar o prezo e restarlle valor ao xamón. Aqueles xamoneiros utilizaban a súa psicoloxía e mantiñan un baremo de clasificar ao persoal, a quen podían enganar e a quen non, coa truculencia  do chuzo. Mais por veces, tal comportamento provocaba barulleiras que remataban en liortas.

Lembro ben aqueles anos duros da década de 1950 -era eu aínda un neno- cando a supervivencia chamaba á porta da pobreza, desafiando a grosería e o terror dun réxime ditatorial, co silencio. Eran tempos en que os obxectos mais desprezábeis tiñan mais valor que as persoas. A liña reta que marcaba o franquismo, consistía en dúas escollas: aceptar o medo e a humillación, ou emigrar para saír daquela satrapía feroz. Nesta situación, de racionamento oficial, había un racionamento moi individualizado no cálculo de sobrevivir na miseria. Así que os xamóns, na maioría da xente da aldea, eran vendidos a un prezo irrisorio de seis a oito pesetas o quilo, o marcado polo xamoneiro que, para impresionar con palabras rimbombante e descoñecidas na aldea, ao xamón chamábanlle pernil, entre outra fraseoloxía de palabras en castelán para impresionar á xente.

Por tanto, nunha economía de autoconsumo como era a de aquelas circunstancias, había que inventar case todo para crear, forzosamente, algún excedente para suplir algunhas necesidades precarias ás que estaban sometidos os labregos. A venta de xamóns era un deses excedentes provocados, para despois mercar a fruxe: porcos pequenos para repor a ceba da próxima matanza. Así que os xamóns eran a máxima expresión de cambio sometida a esa transacción da venta dunha necesidade para mercar o reposto da mesma. Ante aquela prenda que era o xamón,  había que reprimir a gula e expoñelo á venda, ante tódolos rigores da fame daquela época. Aínda que para o labrego, o lacón a cachucha e os chourizos, convertidos en suculento cocido galego, era o manxar preferido e familiar que non podía faltar nos eventos festivos e conmemoracións de rigor. Así que o xamón, aínda que non deixaba de ser un devezo, non era a prioridade ante asuntos tan importantísimos como era o de tema económico para salientar cuestións tan severas como a precariedade daquela época.

Nestas circunstancias, o xamón non deixaba de ser un alimento clasista, polos efectos de quen o criaba e de quen o consumía. Neste último caso, as clases poderosas e vencelladas á administración civil e eclesiástica, feudo do consumismo sibarita, non daban freo a engulir o  xamón que mercaban os xamoneiros no medio rural galego, consumíndose nas vilas e nas distintas capitais de Galiza e non só. Aqueles habilidosos xamoneiros das terras ourensáns de Maside e do Carballiño, proviñan da fértil saga familiar de xamoneiros, de longos camiños andados e desandados, tendo noticias deles desde finais do século XIX. Por tanto, eran froito dunhas pautas comerciais moi concretas e pechadas, dun sentimento comercial e dun trasfego, tantas veces pouco lícito, como era o experimento do chuzo que sinalamos. En todas estas correrías había unha tocata moi precisa e afinada que sonorizaba en distintos formatos melódicos, as ganancias.

Hai uns poucos anos, nunha visita a Portomarín, falando cos meus amigos, o crego Xesús Mato e o fotógrafo Pepe Pereira, un dos mellores en captar a Galiza rural para a expresión destas artes visuais. Ollando unha das coleccións que el mostrou, fiquei sorprendido ao ollar ese xamoneiro un bocado heterodoxo, nun formato ben distinto aos de Maside, pola súa vestimenta e a súa cabalería de transporte, etc. O señor Pereira confirmoume que era un xamoneiro das terras de Paradela, dos anos cincuenta. Esa imaxe é unha verdadeira prenda fotográfica da súa autoría, que veu a lembrarme aquelas estampas en vivo de xamoneiros que aínda rebolen no meu imaxinario. Unha fotografía rexistrada cos dereitos de autor vixentes e custodiada polo correspondente copyright, que o señor Pepe Pereira permitiume editar. Agradecido pola súa xenerosa aportación. Esta fotografía levoume a reconstruír a presenza dun oficio mercantil itinerante que ten desaparecido. Nos  tempos que corren xa non ten concurso lexitimar pasados, só deixarlle espazo á memoria de tais mercadores. Que sen dúbida, os xamoneiros exerceron no rural galego unha importante transacción económica e fixeron de ponte comercial entre o mundo labrego e o mundo dos señoritos urbanos. Algo tan elemental como os xamóns que producían os labregos que non consumían por culpa de tantas depresións económicas que padeceron. Sen dúbida, as andanzas dos xamoneiros á procura deste produto ilustra as circunstancias do noso país deprimido e metido en cruciais crises. Un temario realmente para non esquecer.