Galiza, contra a invasión do pacifismo de folladelata

"Fóra as forzas de ocupación" era un berro que se podía ouvir/escoitar por Galiza na época da transición, anque moitas veces estivera dirixido simplesmente á policía franquista, que a xente alcumaba de "grises", e non só polo uniforme. Xa choveu daquela... ou non? Neste mes de maio do ano 2026 (transcorrido xa medio século, pouca cousa, porque semella que foi onte), se poñan como se poñan polas alturas, e sen salvar moitas distancias, ese berro podería ser totalmente axeitado e actualizado en Vigo, entre os días 26 e 31 deste mes de maio, ante o despregue inusitado de máis de 5.000 militares ("profesionais", seica, calquera cousa que iso signifique nun exército español aínda hoxe ateigado de franquistas irredentos), 130 vehículos de todo tipo, incluíndo barcos de guerra, e 46 avións de caza e transporte, ademais de 13 tanques esmagando arreo Samil. E dixen ben: pola avenida de Samil, o ágora verde e azul dos vigueses a carón do paseo da praia, profanado pola estulticia militarista, que por onde pasa non volve medrar a herba, e non é só un tópico con esas endiañadas máquinas de matar..., e asemade nas areas da propia praia pola que reptarán os anfibios artefactos, para que nada falte no dispendio belicista, que total é unha vez na vida...
  Presidindo todo o harmonioso conxunto, non podían faltar as súas moi preparadas (segundo un xornal do norte do país, de sección diaria ao respecto) maxestades borbónicas, esas das que dicía un tal Suárez, referíndose ao arábigo e campechano proxenitor recuperado polo ditador no 69, que non fixeron un referendo porque as enquisas sinalaban teimudas que o pobo español rexeitaba a monarquía, aínda que non optara directamente por vellas repúblicas (e tempo despois, como coa "OTAN, de entrada no" doutro tal González, foi a brutal campaña mediática orquestrada polo goberno de turno a encargada de darlle a volta á tortilla, e todos contentos...).

Como non todo vai ser tan tristeiro e miserable (xulguen vostedes) , seica tamén se vai celebrar un encontro de bandas militares na Porta do Sol, o día 28. Aquí non podo por menos de lembrar ao xenial Groucho (o meu actor cómico preferido da infancia e adolescencia) cando tiraba de sarcasmo coa súa famosa sentenza de que "a música militar é á música o mesmo que a xustiza militar é á xustiza" (ou viceversa, que tamén vale). A verdade é que nin botando man dun chisco de ironía pódese un esquecer de tan inxusta invasión da que vai ser obxecto unha parte de Galiza, en concreto a súa maior cidade (sitiada durante case que un mes, con preparativos e demais parafernalia militar, que inclúe vixilancia diaria terrestre e aérea), malia que para gustos se pinten as cores do arco da vella, que para que nada falte, repito, tamén estarán nas colas fumegantes dos avións na exhibición de Samil. Todo un circo, vamos, a costa do contribuínte, que en xeral está moi contento co espectáculo, segundo o 99 por cento dos medios de "información", porque (permítanme a demagoxia) non hai problemas de vivenda, nin de sanidade, nin de emprego, nin.., xa que logo, todo iso para outro día, que os cartos pódense desbotar a esgalla. 

O cal non quita, senón máis ben ao contrario, que estamos ante un exhibicionismo rechamante, de todo punto obsceno. Unha mostra circense dun suposto poderío militar (quizais porque xa acada en orzamentos o 2,2 por cento do PIB? chi lo sa...) que a moitos galegos nos produce náuseas de puro noxo. Sobre todo aos que aínda lembramos a loita dos pacifistas de verdade, os insubmisos e obxectores de conciencia dos anos oitenta e noventa (que algún "socialista" do goberno da época, herdeiro da traizón de Suresnes, chamou "objetores de conveniencia" e ficou tan pancho, vindo de pasar ese señor ministro da pana á seda da noite á mañá), os cales se enfrontaban a xuízos perversos e multas contiosas, ademais de anos miserentos na cadea que se comeron unha boa parte deles. 
  Xa o dicía o vello sabio Albert Einstein, humanista e pacifista convencido, en sentenzas como "os pioneiros dun mundo sen guerras son os mozos que rexeitan cumprir o servizo militar e formar parte dos exércitos". Ou esta outra, que a moitos, no contexto do tema deste artigo, vailles semellar sen dúbida un insulto insoportable: "Que alguén sexa capaz de desfilar tan campante ao son dunha marcha militar é dabondo para que mereza todo o meu desprezo, pois esa persoa recibiu cerebro por un erro, sóbralle coa medula espiñal". 

Claro que, para os que organizan toda esta parafernalia militarista, esa exhibición casposa e noxenta de "ollen o ben armados que estamos para servir ao amo OTAN-Cenorio", Einstein, coitado, estaba tolo de remate. Seica o malpocado sufría desa extraña tolemia, que afectou tamén a outros tarados famosos, como Tolstói, Kant, Gandhi, Thoreau, Luther King... ou o meu admirado Chaplin (revisen e boten unha ollada atenta, porfa, a "O gran ditador", filme de 1940, e o seu xenial e apaixonado discurso final).

Todo o anterior resulta contraproducente coas declaracións pola boca pequena de Sánchez e o seu hipócrita "no a la guerra", do mesmo partido que o alcalde da miña cidade (fillo de militar, que casualidade), ou viceversa, persoeiros que non hai moito tempo xactábanse do seu marxismo, o seu socialismo e o seu pacifismo, e que tempo despois se chamou máis axeitadamente "de salón" (ou de "folladelata", febles e cun suposto pacifismo, máis falso ca un euro de madeira). No que atinxe ao mini goberniño desta malpocada Galicia, liderada por escuros persoeiros que odian o galego e nin o disimulan, e que ante este panorama manteñen un silenzo cómplice abraiante, non se vaian alporizar os seus amos da meseta, mellor me esquezo por pura hixiene mental.

A involución desta sociedade cara un exacerbado militarismo é arestora inquedante a ollos dos que amamos e loitamos por unha paz verdadeira e duradeira, sen constantes ameazas imperialistas. Ameazas que inclúen asemade un reforzamento continuo da estructura desa mentada organización militarista creada polo "amigo americano" no seu propio beneficio, aínda que arestora a súa cabeza visible sexa a dun tolo xenocida ao que ninguén está disposto a xulgar. Como consecuencia, no Estado español temos de súpeto unha radical subida dos orzamentos militares, e vemos como os patriotas da bandeiriña nos pulsos avogan por un novo servizo militar obrigatorio. Unha escalada militarista sen precedentes, axeitadamente publicitada pola prensa conservadora (o 99 por cento) e ben regada de subvencións, e aínda temos que aturar como se oufanan no seu rearme armamentista, Non faltan artigos, día sí e día tamén, como "España entra por primera vez en el top 15 mundial de gasto militar tras aumentar su inversión un 50 por ciento", e chegar, engado alucinado, aos 34.265 millóns de euros investidos soamente o ano pasado, que se di axiña.

E remato voltando a Einstein e a resistencia activa, agora seica máis necesaria que nunca: "O militarismo é o peor enxendro que saíu do espírito das masas. Coido que esta pantasma teríase esvaído hai moito tempo se non fora pola corrupción sistemática á que é sometido o recto sentido dos pobos mediante a escola e a prensa, por obra de persoas e institucións interesadas económica e politicamente na guerra." Unha visión dos anos trinta e corenta, por desgraza aínda hoxe vixente, camuflada (por usar un simil militar) e mediatizada por un hipócrita pacifismo de folladelata.