Onte mataron a unha compañeira

Candeas para lembrar Teresa, a traballadora do SAF do Porriño asasinada durante a súa xornada. (Foto: CIG)

Chamábase Teresa, pero podía ser Inma, Pepa, ou Lucrecia... ou calquera das 130.000 traballadoras sociosanitarias do Servizo de Atención á Dependencia no fogar que prestamos servizo por todo o país (e si, falo en feminino porque o 97 % das traballadoras somos mulleres). As invisibles, as precarias, as que coidamos con profesionalidade e agarimo a quen o necesita. Estamos todas conmocionadas e abatidas, pero non sorprendidas. Non é a primeira vez que sucede nin será a última. O estraño é que non pase máis a miúdo.

Pero o único culpable non é o asasino que empuñou unha arma. Hai responsabilidades que non se poden ignorar. Ten responsabilidade a empresa que obrigou a Teresa a volver a un domicilio cando unhas horas antes notificara un presunto caso de acoso sexual. Ten responsabilidade a Xunta, porque nin sequera nos casos máis conflitivos se contempla a retirada do servizo á persoa usuaria. E teñen responsabilidade todas aquelas persoas que miran cara a outro lado mentres nos xogamos a vida cada día en condicións indignas, con soldos ridículos, sen recursos nin apoio psicolóxico, sen medidas de seguridade, sen voz.

Os coidados non poden estar en mans de empresas que antepoñen os beneficios á seguridade. Non se pode seguir prestando un servizo esencial con convenios caducos, sen garantir a saúde física nin mental das traballadoras, sen ferramentas para actuar ante situacións de risco. Teresa non morreu “no exercicio do seu traballo”. A Teresa matárona nun contexto de precariedade, desprotección e abandono que levamos anos denunciando. Que o seu nome non se borre. Que a súa morte non sexa unha estadística máis. Que nos sirva para organizarnos, para berrar abonda xa, para que nunca máis unha compañeira teña que ir soa a unha casa onde xa dixo que ten medo.

Eu tamén traballo no SAF. Tamén tiven medo. Entrei soa en casas onde ninguén sabía se ía estar ben. Aguantei situacións de violencia verbal, agresións, tocamentos, ameazas. E cando pedimos axuda, dinnos que se non queremos ir, que renunciemos ao servizo, coma se fose tan doado. Coma se renunciar non fose perder ingresos, horas, estabilidade. Sei o que é chorar de rabia e cansazo ao rematar a xornada. Sei o que é sentirse soa, pequena, esquecida. Pero tamén sei que isto non ten por que seguir sendo así.

O Ministerio de Traballo impulsou o Real Decreto 893/2024 de Prevención de Riscos Laborais nos domicilios, pero non acaba de concretarse en medidas reais de seguridade nin de protocolos eficaces fronte ás situacións de risco, porque a súa aplicación depende das empresas privadas que xestionan o servizo. E xa se sabe que estas grandes empresas multiservizos priman o beneficio económico fronte ao benestar das traballadoras e das persoas usuarias.

O ministro Bustinduy tamén está a promover unha reforma da Lei de Dependencia, pero mentres o SAF siga en mans privadas a situación segue sendo incerta para nós.

E despois, farase un minuto de silencio con xestos de pesar diante dos concellos, mentres a maior parte do tempo se continúa mirando cara a outro lado. Convócanse manifestacións con bandeiras, pancartas e consignas que, unha vez recollidas, regresan ao caixón do esquecemento. Mentres tanto, as traballadoras do SAF prepáramonos, unha vez máis para enfrontar a nosa xornada laboral. Soas. Completamente soas.

Hoxe morreu unha compañeira, pero podería ter sido eu. Así que non me mandes flores ao cemiterio, nin minutos de silencio, dame solucións reais que eviten que, no futuro, unha vida máis volva estar en risco.