Teatro no PP
No tempo do novo fascismo, esta semana vivimos dous feitos esperanzadores. Un, o recoñecemento na ONU do Estado de Palestina por 157 países, dun total de 193. Entre eles Francia e Reino Unido, membros permanentes do Consello de Seguridade, con dereito a veto. Foi na Asemblea Xeral da ONU en Nova York. O recoñecemento é simbólico, porque instaurar os dous Estados, Israel e Palestina, hoxe é imposíbel. Mais, esperamos o debate xeral no que Palestina pide forzas de protección internacional de países non cómplices contra o exército de ocupación e colonos. Agardamos medidas contra o Israel xenocida.
Outro, a noticia de que o Goberno central acordou negar o enganche á Rede Eléctrica 2025-2030 á macrocelulosa de Altri. Non pode montar a subestación eléctrica necesaria para a enerxía da planta. Son así tres negativas ás pretensións de Altri: a exclusión dos Perte de descarbonización (30 millóns) e a das subvencións comunitarias directas da UE e do Estado.
A unión de Greenalia, Xunta, Abanca, Naturgy e a gasista Reganosa no consorcio público Impulsa Galicia, disolto recentemente, foi un fracaso. Deixa como herdanza Altri. Agardamos que os 250 millóns que a compañía pretende obter dos fondos Next Generation non cheguen, pois a Comisión Europea marca para executalos o 31 de marzo de 2026 e dificilmente pode cumprilo Altri.
A obra de teatro por Gaza que o PP escenifica ten varios actores coa intención de cubrir todos os frentes. Por un lado, Ayuso, Aznar, Aguirre... extrema posición. Como Vox, negan o xenocidio. Doutro, a posición de Núñez Feixoo sumado ao cántico de "me gusta la fruta" actuando de xefe moderado, acompañado do seu voceiro de extrema dereita Miguel Tellado. Esperan a sentenza da Corte Penal Internacional para dicir xenocidio.
Feixoo fala de crimes de guerra, masacre… Agarda que os de "Madrid es España y España es Madrid" asuman que o seu papel de segundón sexa recoñecido como necesario para alcanzar o Goberno de España. O seu problema é que as enquisas engordan a Vox, quen chama "derechita cobarde" e "derechita estafadora" ao PP de Feixoo.
A indefinición teórica de Feixoo ten consecuencias dentro e fóra do partido. Rueda e Moreno Bonilla parecen non seguir o argumentario.
Esperamos os novos actos teatrais. Esta obra de teatro, en principio ben interpretada "polos duros e os moderados", pode levar por diante a quen actúa de copia moderada.