Periodismo burlado
O xuízo do Fiscal Xeral do Estado deu relevancia a dous feitos salientábeis. Un, o protagonismo do periodismo. O apropiado dun profesional é dar información veraz, contrastada e protexer os seus informantes. Este é o seu ADN, confirmouno a vista, fronte ao descaro provocador de Miguel Ángel Rodríguez, MAR, director de gabinete de Ayuso, secretario de Estado de Comunicación e portavoz do Goberno Aznar entre 1996 e 1998. MAR representa o que non debe facer o comunicador con poder público, pois periodista non é, mentir e construír sobre a mentira un conto contra o inimigo.
Outro feito, vinculado ao anterior, é a evidencia unha vez máis da transcendencia dos medios de comunicación para saber a verdade.
Na Europa do século XVIII E. Burke, na Cámara dos Comúns, en Gran Bretaña, deu título de cuarto poder ao periodismo por informar, influír na opinión pública e pedir contas ao poder. A América do Norte do século XX entende o periodismo igual.
Dereita e ultradereita manexan moi ben os medios de comunicación. Compran e controlan a información. Fundamental é denunciar e oporse a este control para defender a liberdade e verdade do que acontece.
Na Galiza, o PP compra a prensa a través de subvencións e convenios, axudas a empresas periodísticas con diversos fins. O Goberno de Rueda, en 2024, primeiro ano de mandato, repartiu 3 millóns de euros. Axudas para as campañas electorais. 2,6 millóns dedicados "ao interese xeral" con 59 convenios para campañas, con dereito a intervir nos contidos. 70.000 euros diarios a campaña nos medios o mes da convocatoria. A Xunta de Galiza do PP ten vías de reparto sen control, "convenios de colaboración” co título "interese xeral", sen ánimo de lucro por ambas partes e sen IVE (El Salto). As "axudas" a La Voz de Galicia, 1,68 millóns de euros, un 63% dos 2.600 millóns. A fórmula, "convenios de colaboración" coa finalidade de difusión informativa, elaborada sobre as súas "materias competenciais"; é dicir, os textos van de industria, educación, sanidade… Para promover o galego, a Consellería de Cultura e Lingua, con 59 convenios entre marzo do 2023 e outubro do 2024, paga a La Voz de Galicia 300.000 euros e 42.000 a La Región. O único xornal integramente en galego, Nós Diario, está excluído de subvencións e axudas.
Atención, coidemos os medios respectuosos coa liberdade de información para informarnos e coñecer a auténtica realidade, incluso contra o poder.