Pensar criticamente
Hai necesidade imperiosa de explicar e desenmascarar a ideoloxía e prácticas das dereitas. Aprovéitanse das xentes que asumen de xeito natural unha realidade que eles deseñan para sociedade e individuos. Prácticas políticas que conducen á submisión polo engano.
A nova orde exemplifícase coa estampa dos oito representantes europeos no Despacho Oval. Renden pleitesía a un matón mentireiro, vaidoso, disposto a converter a Faixa de Gaza nun resort, no que un inhumano capitalismo se bañaría no sangue do xenocidio palestino. O sometemento europeo contribúe ao abuso de poder dos "emperadores", Putin e Trump.
Hai que se defender da política que conduce ao fanatismo e á ignorancia. É urxente educar o sentido crítico. Denunciar a manipulación. Sinalar a fraude. Defender a realidade contraposta.
Que falsa dignidade institucional representa Feixoo non asistindo á apertura do ano xudicial 2025-2026 para boicotear o fiscal xeral, presuntamente inculpado? Planta ao rei como presidente dun partido condenado por corrupción na Gürtel. Un partido inzado de corruptos condenados. É política xestual e intento de golpe de Estado da dereita.
Na Galiza continúa a loita contra a macrocelulosa de Altri. En Portugal a bolsa reflicte as perdas da pasteira. Baixaron as vendas. Contaminou o Texo. Por que o embaixador portugués vén a Galiza vender Altri? Se tantos postos de traballo vai dar, que quede en Portugal, onde a emigración aumenta: no último ano 109.764 persoas, un 5%; un 30% mocidade. Por que a moratoria até 2030 contra o eucalipto? Arrendan na Galiza.
Nos incendios, Rueda di: "Queimáronse 96.500 hectáreas". Mais Copernicus, Axencia Europea Espacial, suma 162.000. Rueda minimiza os danos: "60% eran mato e monte espido", "sen apenas presenza de eucaliptos". Sen autocrítica e dende o nivel 2 só pide o exército e medios ao Goberno central. Di: "Quería sacarme el chaleco [de emerxencia] y afeitar la barba como señal de normalidad", de "normalidade extraordinaria de Galicia". A normalidade dun pobo colonizado.
Fronte á inmigración, a manipulación achega a consideración de inmigrante só aos "retornados" e publicita axudas só para estes, "os nosos", coa pretensión de garantir o voto PP. Constrúen un control natural "con sentidiño", no que a oposición, digamos BNG, só "monta líos e grescas".
Hai que educar na crítica, porque os dereitos conquístanse. Non poden ser substituídos por "bonos".