Moncho Reboiras, símbolo da Galiza que loita

Texto da intervención na homenaxe da UPG a Moncho Reboiras no 50 aniversario do seu asasinato. Ferrol, 12 de agosto de 2025.

Hai 50 anos Ferrol era una cidade tomada pola Policía Armada após as forzas ao servizo da ditadura española teren asasinado o noso compañeiro Moncho Reboiras con tres tiros polas costas até ficar desangrado no portal do que é hoxe o número 27 da rúa da Terra. Centenas de policías para tentar dar caza a un grupo de apenas tres persoas, tres militantes da UPG, un Partido pequeno aínda en número mais absolutamente determinado a trabar un combate vital pola liberdade do noso povo.

Cando unha cidade é tomada, cando son despregadas as forzas de ocupación como aconteceu nesta de Ferrol naquel fatídico día de 1975, só significa unha cousa: o poder ten medo. E, con efecto, o poder da ditadura franquista tiña medo do que aquel Partido, pequeno que fose, e militantes como Moncho Reboiras estaban a construír, un movemento de liberación nacional que ía estendendo organización por toda a parte e que posuía a determinación precisa para facer frente ao réxime español.

Medo dun povo galego que, a pesar das circunstancias brutais en que os militares fascistas se fixeron co control do noso País en 1936, nunca foi enteiramente derrotado, nunca se rendeu e mantivo heroicamente a resistencia armada até 1965. Medo dunha clase traballadora que deixara claro en 1972 que estaba disposta a combater por dereitos sociais e democráticos embora as consecuencias fosen pesadas e que certificou esa determinación co sangue inxustamente derramado de Daniel Niebla e Amador Rei.

Pode parecer pouco o que o noso Partido levaba construído á altura de 1975 como para representar un perigo para a dominación española da Galiza. Máis a xeración de que facía parte Reboiras sentara xa as bases dun movemento popular solidamente afianzado do punto de vista ideolóxico e con capacidade de análise e de acción.

Foi precisamente nese primeiros anos da década de 70 que, sob o impulso de militantes como Moncho Reboiras se realizou un grande esforzo de auto-organización do povo galego en chave nacional e en todos os campos: o labrego, o operario, o estudantil, o cultural, o político. Un esforzo que comezou logo a render froitos organizativos e políticos: Comités de Axuda á Loita Labrega, Comisións Labregas, ERGA, Frente Cultural... Non é casualidade que neste mesmo 2025 en que conmemoramos o 50 aniversario do asasinato do noso camarada, se fagan tamén 50 anos da creación do Sindicato Obreiro Galego ou da Unión de Traballadores do Ensino da Galiza -que están na orixe do que hoxe é a central sindical nacionalista e de clase CIG- e da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG), precedente do BNG.

Mais Reboiras e a xeración militante de homes e mulleres que conformaron a Unión do Povo Galego neses anos é tamén responsábel polo asentamento ideolóxico do noso Partido, coa asunción decidida e definitiva do marxismo revolucionario e dos principios do leninismo como ferramenta de análise e guía para a acción, vinculando -como explicitamente ficou recollido no noso Primeiro Congreso- Castelao con Marx e Lenin.

Podemos entendelo como a culminación dun proceso de debate e esclarecemento ideolóxico que ten moito a ver co papel histórico do marxismo nas loitas anticoloniais e de independencia dos povos oprimidos por toda a parte, e non nos enganaríamos. Mais tamén é bon recoñecer que desde a súas orixes, o movemento emancipador da nación galega estivo intrinsecamente vinculado aos intereses das clases populares e traballadoras galegas e ás ideas avanzadas de transformación social. Desde o pendor soberanista e pro-socialista de Faraldo ou Rosalía até os nosos días. Existe un fío vermello, azul e branco que une o dirixente da Revolución de 1846 á nosa poeta nacional e a nomes como Suárez Picallo, Ramón Vilar Ponte, as Irmandades da Fala, o Partido Galeguista, Castelao, Reboiras ou Bautista Álvarez. Sempre a emancipación galega desde aquel histórico e elocuente ‘pan e dereitos’ foi tamén a emancipación do povo traballador galego, e continúa a selo. Parafraseando James Conolly, a causa operaria é a causa da Galiza; a causa da Galiza é a causa operaria.

Así pois, a seiva proletaria e popular que comezou a nutrir o noso Partido neses anos decisivos, foi chave para asumir unha orientación ideolóxica que rendeu -e renderá aínda- vizosos froitos ao nacionalismo galego. Mais tamén para entender a prioridade da organización e do traballo de masas así como a adopción dos métodos de loita máis adecuados a cada momento e a cada contexto. Para isto era imprescindíbel un sólido compromiso militante, en que Reboiras foi exemplo.

Mais, é xusto acrecentar que o compromiso militante fixo parte dunha escola política e dunha práctica común dos e das camaradas que partillaron militancia con Moncho,  que do noso Partido como organización primixenia irradiou ao conxunto do nacionalismo contemporáneo. Ese concepto de militancia que implica dedicación, entrega, sacrificio persoal, xenerosidade, que coloca sempre a causa da liberdade da Galiza e do povo traballador galego como prioridade.

Este é aínda hoxe un dos grandes valores do nacionalismo, que acrecenta forza e capacidade de intervención. Non é cousa menor nestes tempos de política líquida, con tendencia á evaporación, a se tornar tan gasosa como intanxíbel. Mercadoría inservíbel para os obxectivos de emancipación nacional e transformación social que, da man da mal-chamada nova política, hai unha década os medios do sistema pretenderon vendernos de forma fraudulenta. Foi precisamente a militancia que logrou reaxir á fraude e facer o nacionalismo resistir e avanzar.

Apenas catro días antes do asasinato do noso camarada, Francisco Franco recibía no Pazo de Meirás Juan Carlos de Borbón, xa designado sucesor, e un miúdo de sete anos, Felipe de Borbón que, por obra e graza do ditador é agora Xefe de Estado. A recepción ficou plasmada en fotografías que son hoxe a mellor imaxe das severas carencias democráticas dun Estado español que o nacionalismo galego ten acertadamente analizado como irreformábel.

A constatación certa da falacia dunha chamada Transición que non implicou ruptura democrática coa ditadura e que permitiu a continuidade das estruturas de poder real do franquismo no novo réxime constitucional.

Moito do que acontece hoxe no Estado español ten a súa explicación nese momento e no pacto vergoñoso da esquerda española cos últimos xestores do franquismo. Do lawfare a un PSOE que continúa a ser un dos pilares do réxime, mais que comete o imperdoábel pecado de pactar co soberanismo, á corrupción estrutural no sistema político español detrás da cal están algunhas das empresas que medraron ao abeiro da ditadura e mesmo beneficiando do traballo escravo de opositores republicanos. Do inmenso poder mediático da dereita e ultradereita, a unha Xefatura de Estado antidemocrática e corrupta que é consecuencia directa dunha decisión do ditador Franco.

En todo o caso, en canto a esquerda española, que agora denuncia ser vítima dun lawfare que de sempre funcionaba contra o soberanismo, a abrazaba de maneira entusiasta, o nacionalismo galego denunciou a farsa da Transición e combateuna con todas as ferramentas ao seu alcance. No vindeiro ano 2026 será tamén o 50 aniversario das Bases Constitucionais da Nación Galega, lanzadas polo Consello de Forzas Políticas Galegas e impulsadas polo noso Partido.

As ‘Bases’ son, sen dúbida, un documento excepcional, porque non sendo a Constitución dun Estado Independente senón que representaban a articulación dun modelo ‘xenuinamente federal’ (en expresión de que gusta o noso compañeiro Francisco Rodríguez), partía dun principio que resultaba inasumíbel para os defensores do Estado unitario ‘descentralizado’: a soberanía corresponde ao povo galego. Eis a grande diferenza entre ceder soberanía, que sempre pode ser recuperada, e unha carta outorgada como a autonomía, que sempre pode ser retirada por quen a outorga.

As Bases Constitucionais renderon froitos ao nacionalismo ao longo de varios anos para confrontar o modelo político do españolismo (Constitución e Estatuto de autonomía) e pode perfectamente, 50 anos despois, servir de inspiración para unha proposta, táctica mais necesaria, de novo status político para a Galiza ou para sustentar o proxecto de novo modelo de financiamento sobre a base do concerto económico.

Foi precisamente neses anos da transición que se comezou a recoller de forma clara os froitos do traballo realizado no ámbito ideolóxico, político, organizativo e de loita popular por Reboiras e súa xeración militante, unha vez sentadas as bases do que é hoxe o nacionalismo galego. 

Mais a nosa razón de ser non está no que foi feito, por moito que nos orgullemos diso; non está nunha traxectoria impecábel de mais de 60 anos de traballo e de coherencia política, nin sequera na contribución innegábel da UPG á loita contra a ditadura e mesmo o papel do noso Partido na construción do nacionalismo galego contemporáneo. A nosa razón de ser está no presente e no futuro do noso País e no contributo que desde a Galiza poidamos facer a un mundo diferente.

Está nun presente de dependencia, espolio e empobrecemento do noso País, de desgaleguización programada, de ataque permanente á nosa lingua e aos nosos sinais de identidade como povo, que é preciso enfrentar con resposta política e popular, con mobilización e con alternativas.

Está nun futuro que queremos de liberdade e de xustiza social, que só pode verse materializado plenamente nun Estado galego independente, nunha República da Galiza soberana que sexa capaz de enveredar polo camiño dunha sociedade nova, igualitaria, democrática e libre.

A nosa razón de ser está en contestar desde a Galiza os embates do imperialismo empeñado nunha vía de confrontación e de militarismo que está a colocar en risco non só a Paz mundial, como tamén o benestar da clase traballadora por toda a parte.

E está, evidentemente, en cuestionar un mundo marcado pola voracidade capitalista exacerbada, absolutamente desigual e inxusto, en que se mantén unha división internacional do traballo baseada no intercambio desigual -cada vez máis evidente- a espoliación dos povos oprimidos ou sometidos ao neocolonialismo e a explotación da forza de traballo asalariado; un cuestionamento que só é posíbel facer con eficacia desde a vontade expresa de construír unha alternativa socialista.

Temos de responder aos problemas e conflitos do noso País e do mundo de hoxe sen perdermos nunca de vista a liña do horizonte, a perspectiva estratéxica. Estamos nun momento en que a espoliación do noso País se ve acentuada como consecuencia da dependencia política e da actitude colaboracionista e anti-galega de quen desde o goberno do noso País debería velar polos intereses do noso povo e, no entanto, traballa contra eles.

Espolio enerxético, boom eólico depredador, drenaxe do noso aforro, espolio fiscal por medio dun sistema de financiamento claramente inxusto e que xa situou en 2023 en máis de 6000 millóns de euros a diferenza entre o que pagamos e o que recibimos.

Mais hoxe, sen dúbida, a principal batalla que ten trabada o noso povo é contra Altri, non só polo que o proxecto implica en si mesmo de destrutivo do punto de vista ambiental e social, mais tamén polo que representa de modelo de industrialización colonial no noso País.

Se abrimos hoxe mesmo un xornal, veremos dúas noticias preocupantes, mesmo estarrecedoras: O encoro de Portodemouros baixo mínimos pola seca e Todo Ourense en nivel 2 de alerta pola vaga de incendios. De Portodemouros é de onde a pasteira iría coller 46 millóns de litros de auga ao día. En Ourense hai comunicacións por tren e estrada cortadas e desaloxos de poboación.

Estamos asistindo, máis unha vez, a situacións moi duras, que se repiten de forma cíclica, como esta vaga de incendios forestais descontrolados. Mais non é ningunha praga bíblica, ten causas ben máis terreais: mudanzas climáticas, si, claro que as hai, a pesar do que digan os negacionistas de todo o tipo. Mais no caso galego tamén e sobre todo, son consecuencia da dependencia, do deseño colonial marcado para o noso rural de crecente e continua eucaliptización e do desleixo de quen nos goberna. 

Por tanto, quer os fogos forestais quer as industrias de enclave, non son resultado do azar, da má sorte; moi polo contrario, sono do colonialismo. Dun colonialismo criminal, que deixa a nosa xente desamparada. E por iso a loita de hoxe contra ALTRI non é exclusivamente ambiental. É unha loita para non hipotecar o futuro deste país, para non alterar aínda máis a súa fisionomía. É unha loita contra o roubo e a rapina. É unha loita pola vida e polo noso dereito a unha industrialización racional e a un futuro digno.

Por iso non imos ceder. Temos a certeza de que se mantivermos o pulso, esta é unha batalla gañada. Fomos capaces de tombar proxectos moi poderosos como o da central nuclear de Xove e non temos ningunha dúbida de que con mobilización, con constancia e con loita imos tombar ALTRI na Ulloa.

Mais a dependencia e o colaboracionismo do des-goberno de bons colonizados á frente da Xunta está a ter máis consecuencias desastrosa para o noso País, está a afectar, por exemplo, de forma grave a situación da lingua galega. Non é apenas desleixo, non; é unha política premeditada de destrución e desnacionalización, á que o PP e Rueda destinan esforzos e recursos, conscientes da inmensa forza que a nosa lingua posúe como identificador colectivo e elemento distintivo da nación.

En consecuencia, o nacionalismo debe converter o combate pola lingua en cuestión central, porque nos vai a vida niso. Debemos facelo sen caer no derrotismo, porque aínda que a situación sexa complexa, nada está perdido. Hai aínda unha base moi relevante de usuarios e usuarias da lingua e larga simpatía social para alén dela. Existe un sector amplo deste povo que quere o seu idioma.

É por tanto, cuestión de confianza e de persistencia. Eu apelo ao compromiso da militancia da UPG, á coherencia, como sempre tivo, na práctica militante individual e na colectiva, porque estes son tempos en que non se pode ceder. Despreguemos todas as posibilidades e todas as potencialidades, incluída a de facermos parte dunha comunidade lingüística de máis de 250 millóns de falantes. De nós depende garantirmos mil primaveras máis para a nosa lingua.

Depende de nós, porén non esquecemos que futuro da lingua ou un desenvolvemento económico racional van intrinsecamente unidos á capacidade real de decidir. No mundo de hoxe a soberanía é premisa para o benestar, a liberdade e a democracia. Éo para unha pequena nación como a Galiza e para todos os povos do mundo. Éo mesmo para grandes estados que desexan lexitimamente escapar das farpas do imperialismo.

A pulsión soberanista move hoxe a construción dun mundo multipolar que tanto pánico causa ao imperio en decadencia. De aí a agresividade con que reacciona para non perder de vez a hexemonía política, militar, tecnolóxica ou económica que países como os que conforman os BRICS lle están a disputar de maneira decidida.

Podemos dicir que en tempos de desesperación, o imperialismo perdeu as formas e de paso fíxollas perder a unha Unión Europea historicamente submisa aos seus ditados mais que agora aparece aos ollos do mundo como vasalo servil que non mantén a dignidade nin cando é publicamente humillado.

As análise do noso Partido e do nacionalismo galego sobre o papel da Unión Europea víronse totalmente confirmadas. Hoxe actúan como brazo executor das políticas de Whasington, especialmente na escalada belicista e na militarización das nosas sociedades. Por iso é preciso confrontar con decisión os designios do imperio, como vimos facendo, liderando mesmo no Congreso e na rúa a oposición ao aumento do gasto militar e á OTAN, defendendo a desaparición desa organización militar agresiva e apostando por políticas de Paz e de boa veciñanza entre povos.

Entre tanto, o goberno español, para alén de escenificacións que considera necesarias, acata o incremento do gasto militar e tenta ocultar o seu impacto nas políticas sociais e na deterioración das condicións de vida e de traballo das clases populares. No máximo do cinismo, aseguran que até vai incentivar a economía e o emprego, cando, como acabamos de constatar por boca do propio Trump, do que se trata é comprar armamento ao complexo militar industrial norteamericano. En todo o caso, dado que estamos en Ferrol, convén alertar de paradoxos evidentes: afirman que a militarización da economía será boa para o emprego os mesmos que no seu día decidiron que nesta ría ficaba prohibida a construción naval civil e os estaleiros eran condenados exclusivamente ao nicho (nunca mellor dito) da construción militar.

A cuestión é que a brutal ofensiva do capital e do imperialismo acontece cunha esquerda europea e española non só desarmada ideoloxicamente senón mesmo colaboracionista coas políticas do imperialismo, como ficou en evidencia na estratexia de confrontación con Rusia, ou mesmo -por acción ou omisión- no fortalecemento da OTAN e na escalada belicista.

Unha esquerda europea new age que agora critica Trump -e mesmo fala de imperialismo- mais que até hai un ano se manifestaba rendida á charme do Partido Demócrata e de Biden, que practicaba o mesmo imperialismo só que con luva de seda e que foi quen armou o esquema de confrontación con Rusia e coa China.

Unha esquerda que se contenta con xestionar o capitalismo e que deixa o campo libre á retórica demagóxica e populista da extrema dereita. A clase traballadora e os povos precisan de alternativas consecuentes que defendan os seus intereses e, de paso, traben o camiño ao populismo fascista. Na Galiza existe, está a UPG, está o nacionalismo galego.

Nós mantivemos e mantemos a coherencia como forza antiimperialista e que loita por unha Galiza soberana e socialista. A UPG estivo á frente na denuncia da manobra imperialista por detrás da guerra de Ucraína, como unha guerra proxy dos EUA. Agora, para acabar de confirmalo, é o presidente americano quen negocia con Rusia o fin da guerra.

Estivemos á frente tamén na denuncia do xenocidio, dos crimes de guerra e da limpeza étnica en Gaza; no recoñecemento do dereito dos palestinos e palestinas á resistencia frente á ocupación sionista e na defensa do dereito de autodeterminación e de soberanía en toda a terra da Palestina, do río ao mar; un estado palestino laico e democrático -como defenden os camaradas da FPLP- que poña fin non só ao xenocidio, senón ao apartheid que a poboación palestina vén sufrindo desde a década de 40 e moi especialmente desde que en 1948 se constituíu formalmente a entidade sionista como Estado criminal de Israel. Temos a certeza de que os criminais serán xulgados e de que Palestina vencerá.

E temos tamén a certeza de que Reboiras se sentiría orgulloso da firmeza política e ideolóxica do seu Partido, tanto como nós o estamos de pertencer ao Partido en que el militou e que representa os intereses da clase traballadora galega na loita pola independencia nacional e o socialismo no noso País. Por iso, máis unha vez, na memoria do noso camarada asasinado e facendo nosas as palabra de Castelao, comprometémonos solemnemente a non deixar de loitar pola liberdade da Galiza até a conquistar.

Somos moi conscientes do valor dos símbolos e de como persoas que o deron todo pola Galiza poden alcanzar un valor simbólico e referencial. Rosalía é xa un símbolo, éo Castelao, cuxo pensamento está absolutamente vixente, éo tamén o compañeiro Moncho. Reboiras é xa un ícone da Galiza que loita, que non claudica nin se rende. Un exemplo para as novas xeracións de galegos e galegas.

Por iso é importante divulgar a súa figura e traxectoria. Non só por ser un dos nosos, que sería motivo máis que suficiente. Moncho Reboiras transcende xa a militancia partidaria -e dicímolo nós, camaradas orgullosos e orgullosas de partillar proxecto político e organización, de militar no Partido de Reboiras- transcende, dicía, o ámbito partidario para se converter en referencia nacional dun povo que nunca capitulou, e exemplo na loita pola democracia, a xustiza social, a liberdade e a soberanía da Galiza.