UE über alles

O xiro político (ultra)conservador experimentado aceleradamente nos últimos tempos no continente chegou á península Ibérica, confirmando a hexemonía dereitista no veciño Portugal. Son múltiples e comúns os factores coadxuvantes da deriva reaccionaria, do crecente descrédito institucional e da insatisfacción xeral: precariedade laboral e de servizos públicos, desigualdade, inacción ante problemáticas vitais como a da vivenda ou o prezo inaccesible de produtos básicos sumarían á perenne corrupción, á desconfianza na xustiza ou á manipulación informativa. O "réxime de guerra" que favorece o militarismo e patrocina a xigantesca matanza indiscriminada en Palestina potencia un marco autoritario, nacionalista, exclusivista, racista e colonial que vai minando os consensos humanista e antifascista labrados na segunda metade do anterior século.

Segundo o comandante supremo das forzas da OTAN en Europa Christopher Cavoli, desde o comezo da crise a gran escala en Ucraína a venda de armas dos EUA aumentou nun 600% e o volume de pedidos de estados europeos supera os 265.000 millóns de dólares. O (ineficaz e errado) enfoque estratéxico occidental continúa obcecado en producir o maior desgaste posible á potencia rusa, aínda a conta de producir xa máis dun millón de baixas ucraínas sen ningunha posibilidade de acadar éxito político nin militar. O novo ministro alemán de Defensa, cunha economía estancada en 0% de "crecemento" anual, é abertamente partidario de elevar o gasto o 5% do PIB en cumprimento coas esixencias da administración trumpista. Poucas semanas durou a "idea" da creación dun "exército europeo", que xa mudou pola de "crearemos o exército máis poderoso de Europa" pronunciada polo novo chanceler xermano. Repetindo boa parte dos erros e narrativas que levaron ao auxe extremista e dos fascismos europeos no século XX é entendible que discursos similares prosperen no marasmo da desafección, avanzando socialmente tamén na altura desta terceira década do século XXI.