Talasocracia corsaria

A operación estadounidense Lanza do Sur iniciada a finais de agosto, desenvolvida en augas do Mar Caribe, concibiuse como agresión imperialista multi-dimensional (sancións unilaterais, bloqueo económico, presión militar, terrorismo psicolóxico…) sobre a República Bolivariana de Venezuela mais tamén colateralmente sobre o Goberno colombiano e todo aquel Estado díscolo do Pentágono e dos plans da Casa Branca anteriores e de vocación posterior á administración Trump, consistentes en depredar recursos e restaurar a total dependencia latinoamericana de Washington: en Ecuador, a Arxentina, Bolivia, Honduras ou o Chile situaron gobernos afíns aos intereses estratéxicos da talasocracia corsaria. Produciu de momento un saldo de máis de 100 vítimas mortais coa escusa da loita contra o narcotráfico. Buques petroleiros asaltados e apresados amosan que o anterior sería a máscara xustificativa de actividades ilegais para derrocar gobernos lexítimos e expulsar do hemisferio a influencia oriental. A idea última é controlar tamén o Brasil, potencia rexional fundadora (2010) da asociación de países emerxentes BRICS que rivaliza co G7 dos chamados países desenvolvidos.

Sobre o terreo, até agora, Bolívar resiste a ofensiva de Monroe. A defensa da soberanía de Caracas conta con apoio político, diplomático e tamén armado de Moscova e Beijing: máis de cinco millóns de venezolanos organízanse e prepáranse para unha hipotética guerra de guerrillas que, no suposto dunha invasión terrestre, custaría infinidade de baixas ao exército do Norte. Non se distinguen esencialmente as súas prácticas criminais do que facía o corsario Francis Drake (e outros) no século XVI ao servizo da Coroa Británica: a hexemonía das potencias anglo-saxonas fundamentouse no control de mares, estreitos, canais, portos e a supremacía naval co fin de salvagardar rutas marítimas comerciais. Hoxe aplícase impunemente sobre flota venezolana, iraniana ou a "flota pantasma rusa" mediante ataques ucraínos-OTAN.