Que buscaría USA?
En canto á loita contra o narcotráfico dicía Galeano en Las venas abiertas de América Latina que "temos responsabilidades compartidas: nós poñemos os mortos, e eles (EUA) poñen o diñeiro e as armas para que nunca remate". Baixo esta concepción, que Edward Said caracterizou propoñendo que no Norte supremacista considéranse "civilizados" por riba das normas internacionais e no Patio Traseiro serían "os bárbaros", a Administración Trump alimenta a inxerencia político-militar clásica para agochar perennes intereses xeopolíticos de dominación rexional.
É sobradamente coñecida a relación e histórica implicación directa da DEA e a CIA nas redes do tránsito de narcóticos e son públicos os datos da intencionalmente deslexitimada ONU sobre o seu volume: alto con anterioridade aos Acordos de Paz en Colombia, descendeu notablemente xusto até a elección do pro-ianqui Duque. Coa chegada de Gustavo Petro á presidencia descendeu moito e, quizais para garantir que volvese "fluír con normalidade", asegurando incrementar beneficios aos verdadeiros capos residentes en Manhattan ou Londres, puidese interesar agora apartalo do goberno.
O hexemón atópase en severa crise: a súa débeda é impagable e a cualificación crediticia descende, a des-dolarización da economía mundial avanza lenta pero inexorable e o prezo do ouro dispárase; as crecentes tensións con Rusia-China, o peche do Goberno Federal, a polarización política e a militarización de cidades demócratas ou o endurecemento da inhumana e racista política cara ás persoas migrantes amosan un panorama de riscos para a estabilidade sistémica. Á "economía ficticia" financiarizada das últimas décadas viríalle ben salvagardarse coa propiedade das maiores reservas de petróleo mundiais (Venezuela) e doutros abundantísimos recursos naturais. Tentar "expulsar" a influencia comercial e diplomática chinesa do hemisferio e fender a unidade cívico-militar bolivariana son obxectivo político último dun réxime oligárquico en transformación á anocracia.