Patrón

O declive do hexemón estadounidense perante potencias emerxentes (capitaneadas por China e Rusia) comporta unha serie de fracturas que, ou ben permanecían latentes e nun estado de confrontación variable nas últimas décadas (Palestina-Oriente Medio) ou ben estalaron até a conflagración de alta intensidade e desgaste (Ucraína) coa ollada posta noutros posibles focos de inestabilidade (Taiwán-Mar da China), sen obviar "teatros menores" no Sur Global (Sahel africano ou América do Sur).

Veñen determinadas por conceptos das relacións internacionais e leis xeopolíticas como o "dilema de seguridade" maila "trampa de Tucídides": o primeiro fálanos daquela situación na que as accións dun Estado para aumentar a súa propia seguridade acaban percibíndose como ameazantes por outros, sendo esta a problemática central que pivota arredor do conflito OTAN-Federación de Rusia no Leste europeo, alimentando un "círculo vicioso" que podería derivar nunha carreira de armamentos e, quizás, nunha Guerra de alcance e escala maior. A segunda cóntanos a milenaria tendencia á Guerra cando unha ou varias potencias en ascenso poden desprazar a potencia establecida, que é xusto o momento histórico que agora transitamos e por iso falamos dun escenario de competencia sistémica non-conxuntural, de guerra mundial non-declarada ou, para outros autores e analistas, dunha nova guerra fría: distintas nomenclaturas do conflito híbrido global do noso tempo.

Nese transo reprodúcese e replícase un patrón perverso e "inspirador": o sionismo ultra-dereitista declarou inimiga á Humanidade toda sendo xornalistas, médicos e profesores obxectivo preferente a bater polo novo fascismo occidental. Son máis de 235 os xornalistas asasinados en Gaza e no Líbano, a TV pública iraniana bombardeada, censura de medios como Associated Press nos EUA ou de medios rusos en Europa. A destrución sistemática de hospitais e a matanza de doutores é só comparable á destrución de escolas e universidades: informar, curar e saber...