Nihilismo e silencio
Érase unha vez o país dos caladiños. O conto berlanguiano nace cun seica Presidente motorizado: da Festa do Albariño en Cambados ás touradas en Pontevedra xunto ao líder da formación política preferida polos caladiños. Ao carón del, o antecesor no cargo e o ignoto M. Rajoy. Percance con Morante de la Puebla, y olé!
Ían varias xornadas xa de importantes lumes dispersos e non-recoñecidos (447) pola oficialidade. Alcaldes caladiños. O da capital de provincia máis caciqueada e máis castigada preguntábase quen lle roubara...as Perseidas. Era fume mesto! Naquel país os influencers non se mollaban, a TVG censuraba e manipulaba, outros preferían non posicionarse, aqueloutro tiña medo e o primo miraba polo seu. Ao veciño dixéranlle que mellor ficar calado. Ardera o 10% da provincia ourensá e o 5% do total: a superficie devastada superaba á das sete cidades caladiñas. Concentracións de repulsa rituais, tradicionalmente estigmatizadas e acaladas: os de sempre, os do NON. Había que dicir SI na Galicia que Funciona.
A planificación fora perfecta: plena onda de calor, millóns de euros do orzamentado en prevención sen executar, prazas de bombeiros sen cubrir e xa que nunca antes houbera lumes forestais soamente 100.000 hectáreas arderan, aldeas enteiras foran arrasadas e algúns ecosistemas completamente destruídos. O xefiño de Emerxencias da Deputación Caladiña vía inevitable que as casas arderan e o disque Presidente, sen afeitarse nin ruborizarse, asumía no Diario Oficial de Sabón a nova normalidade: orzamentos públicos sen executar e empresas 'PPrivadas' a facturar. Algunhas financiaban opacamente o partido dos caladiños. Lume a granel. Barra libre á economía extractiva e colonial en non-lugares non-recoñecidos, con non-servizos públicos. A banda occidental destinaríase a visitar o “refuxio climático” e a oriental...condenada a reserva indíxena e caladiña. Hai moito incendiario! A problemática, multi-factorial. O nihilismo, institucional. E o silencio, sepulcral.