NATO vs. OTAN

"A orde reina en Berlín" ata este domingo e foron rechamantes as declaracións do chanceler Scholz durante un debate no que culpou a Federación de Rusia da precaria situación económica cando todos poden lembrar o papel do líder da fracasada coalición gobernante diante da voadura de infraestrutura crítica no Mar Báltico a mans dos "aliados", como todo apunta. Non foi Rusia a que forzou aceptar mansamente tal humillación contra intereses vitais da "locomotora europea" nin tampouco o envío de inxente cantidade de material bélico ás súas fronteiras, se non que se presentoue como unha suposta "decisión soberana".

Como os tempos non se prestan á racionalidade engadiu que "Alemaña estaría disposta a enviar tropas a Grenlandia" na semana na que estados da OTAN discutiron a posibilidade de enviar tropas OTAN a territorio OTAN para hipoteticamente defendelo da principal potencia da OTAN. Discuten como facelo no Leste, tamén. Ata aquí a cadea de disparates. Agora a crúa racionalidade de quen dirixe os EUA e "pasa por tolo", mais nisto exprésase con rotunda claridade: "Pode que cheguen a un acordo [Ucraína] ou pode que non. Pode que algún día sexan rusos ou pode que non. Pero imos ter todo ese diñeiro, quéroo de volta e preciso garantías. Quero o equivalente a 500.000 millóns de dólares en terras raras". Tivo que ser Trump tres anos despois quen explicase que alén do engorde do complexo militar mailos beneficios co gas natural ou os fértiles terreos agrícolas eran o litio e demais minerais o cobizado alí polos norteamericanos desde 2014. Non a extensión de liberdade e a democracia nin farrapos dun "mundo baseado en regras" que habitualmente incumpren. Quen podía imaxinalo!

Imponse o realismo sobre o idealismo da etapa-Biden e constátase que desfacer o nó gordiano do multi-conflito corresponde á Casa Branca e ao Kremlin, con Ucraína e a UE como convidados de pedra e principais damnificados. Sempre foi iso: agora vén por diante un traumático proceso de aceptación psicolóxica.