La Macronie

Diciamos nunha entrega xa pasada ("Macron Bonaparte") que a presidencia do actual xefe de Estado da V República francesa afrontaba un panorama complexo. Inmediatamente despois de recibir o correctivo das eleccións ao Parlamento Europeo convocou eleccións lexislativas anticipadas: a vitoria da coalición Nova Fronte Popular, cun programa "de esquerda" extremadamente suavizado que asumía postulados belicosos atlantistas en Ucraína ou tiña coidado de non danar a narrativa pro-israelí no referido ao abismo de Medio Oriente, presentouse "exitosa" á hora de amortecer a onda reaccionaria lepenista. 

Mais na UE "democrática" unha cousa é a vontade popular e outra, ben distinta, a xestión da vontade popular; e por iso Macron, nunha decisión inaudita e autoritaria, decidiu vetar a candidata proposta polas forzas vencedoras e o consecuente encargo de investidura nomeando un PM sostido nas dereitas. Agora sábese cal sería a principal motivación, segundo reportou L´Express: "Se nomeo un representante da NFP derrogarán a reforma das pensións, aumentarán o salario mínimo a 1.600 euros, os mercados financeiros entrarán en pánico e Francia afundirá". En resumo, temía que xestionasen mellor e a elite corporativa ante a que responde delimita o terreo do aceptable: as forzas "de esquerda" poden presentarse ás eleccións cun programa social-liberal, mais Estados e oligarquías económicas xa non admiten que inflúan nin "cohabiten". Todo isto mentres sosteñen Israel e imparten supremacistas leccións urbi et orbi a China, Rusia ou ao conxunto do Sur Global. Como vai exportar "democracia" (moitas veces a sangue e lume) quen a refrea dentro das súas fronteiras e fóra a promove selectivamente? Á vez, intensifícase a "inxerencia golpista" de embaixadas e oligarcas estadounidenses en latinoamérica e os medios de masas, centrados nunha "fraude" non-probada en Caracas, agochan a dura represión de Milei aos xubilados en Bos Aires. Consumouse deste xeito o golpe da macronía, a mellor aliada de Le Pen.