Imperio da barbarie
Na semana anterior cualificaba como "accidente" a ilegal e unilateral campaña imperialista sobre a República Islámica do Irán iniciada polo sionismo e uns EUA auto-proclamados "salvadores de Occidente": operación criminal baseada en falsidades e durante décadas ambicionada, mais agora precipitada pola vesania dunha caste dirixente embriagada de impúdica corrupción ética e moral que lembra á que protagonizou a caída de Babilonia a mans do Imperio persa Aqueménida dirixido por Cirio o Grande alá polo 539 a.C.
Fálanos o francés Edgar Morin na súa Breve historia da barbarie de Occidente da antropoloxía do homo demens que produce odio, delirio e aquilo que os gregos chamaban hybris (desmesura), consubstancial á fría e altamente técnica máis propia da modernidade. Describe os cinco séculos de conquista europea como unha "explosión de barbarie" caracterizada pola escravitude, o desprezo visceral polo diferente e a destrución de culturas arcaicas até o orxiástico clímax misántropo do totalitarismo nazi. A civilización europea tamén disporía antídotos como o humanismo, a racionalidade ou a liberdade de pensamento entre outros.
As proclamas e accións abertamente xenocidas dalgúns voceiros, que abolen de facto leis humanitarias e da guerra, presentan os condutores da traxedia actual como representantes dunha maquinaria decidida a estender en Persia o catálogo de atrocidades cometidas en Gaza ou no Líbano. Mais están atopando unha feroz e heroica resistencia que podería infrinxir unha histórica derrota ao agresor: non consiste a guerra só nunha real ou aparente superioridade militar, senón tamén en xestión de recursos (económicos, humanos, aliados, tempo...), moral colectiva e propaganda. Irán é unha potencia rexional e internacional duns 90 millóns de habitantes cunha orografía inexpugnable e capacidades avanzadas: de momento destruíu as bases militares ianquis na zona, mudando o mapa rexional, castiga "Israel" e empurra contra as cordas a economía mundial.