Estalan contradicións

As protestas durante o percorrido da Volta ciclista pola península Ibérica tiveron unha "meta voante" no noso país. Primeiro parárona en Figueres, na sempre vangardista Catalunya; despois a carreira cruzou a indómita Euskal Herria, recibindo unha brava resposta popular que denunciou a presenza nas rúas da equipa patrocinada polo réxime israelí co diñeiro manchado de regos de sangue inocente. Foi a Galiza rebelde quen propiciou un "efecto bóla de neve" máis visible que incrementou a polémica e a simpatía polo boicot: no Bierzo, en Valladolid e no resto da competición por etapas até a capital do Reino, onde unha marea de activistas pro-palestinas e anti-fascistas impediron o desenvolvemento normalizado do que nunca debera comezar.

Tal episodio desatou unha tormenta política ben ilustrativa: evidenciáronse costuras e peaxes das dereitas españolas, reactivando o pulso dunha esquerda social apagada e desanimada polo bombeo incesante de propaganda ultra. No PP afloran diverxencias á hora de abordar o que a ONU xa cualifica oficialmente como "xenocidio": o sector Aznar-Ayuso-Vox, dependente de grandes capitais sionistas estranxeiros que trafican con dereitos sociais e constitucionais fundamentais como sanidade, vivenda ou a liberdade de expresión, ficou retratado. Outros sectores conservadores víronse obrigados a matizar a postura fronte ao maníaco holocausto gazatí.

A onda global de solidariedade coa masacrada e famenta Palestina medra: nas artes, no deporte, no espectáculo, a nivel académico, comercial… e gobernos de estados occidentais senten a presión pola dobre vara de medir respecto á cancelación, agora evidenciada arbitraria e racista, de rusos e bielorrusos. En Londres, Charles III ofreceu unha cea pantagruélica ao aspirante a ditador Trump, nunha mesa do tamaño dunha piscina olímpica. Convidaron CEOs de grandes corporacións vencelladas dalgún xeito á psicopatía supremacista e homicida de Israel. Falouse alí de "combater a tiranía". Todo ben elocuente.