Doutrina Brzezinski
Co regreso de Trump á Casa Branca e a publicación da Estratexia de Seguridade Nacional falouse moito da recuperación actualizada da vella Doutrina Monroe, que serve de base estratéxica para as diferentes modalidades de intervencionismo en América do Sur (Venezuela, Colombia, Arxentina…) dentro dunha revisión do proxecto "oculto" elitista e expansionista do Tecnato de América, o cal xustificaría o propio no Caribe ou en México, Canadá e Grenlandia. Os acontecementos dos últimos meses (tanto no teatro do Leste como en Asia Occidental) evidencian que, ao contrario do intuído coa planificación anunciada, o imperialismo non renunciou aínda a seguir aplicando até o final a doutrina do consiglieri polaco Zbigniew Brzezinski centrada no "Gran Taboleiro" euro-asiático: sostén esta que o mantemento da hexemonía global ianqui pasaría indefectiblemente por reforzar e expandir as "alianzas" cara a Europa do Leste mediante a NATO, e cara a Asia Oriental mediante o pacto AUKUS.
Co control dos extremos (Estratexia Lumbrigante) asegurarían influencia e supervisaríase mellor o tránsito da maior parte da riqueza e recursos mundiais. Nesta liña a agresión contra a República Islámica de Irán, na procura da súa destrución, estaba prevista hai lustros xa baixo o mencionado esquema, así como tamén a consumada división do mundo ruso tralo colapso soviético a través da instauración do banderismo en Kiev e a conseguinte separación dos amplos lazos entre a Federación e o resto do continente europeo. Tería isto o seu corolario coa organización dun golpe de Estado en Moscova que instaurase un réxime pro-ianqui para, nunha etapa final, illar polos flancos China impoñendo un masivo embargo comercial que provocase fame e o desmembramento da superpotencia asiática. Non renuncian Tel Aviv e Washington a borrar Palestina e Líbano ao ser ambos símbolos universais de resistencia anti-colonial, así como Venezuela o foi de soberanía e socialismo do s. XXI ou Cuba de rebeldía e independencia.