Dobre-pensar

Como xa é ben sabido, o concepto introduciuno George Orwell na literatura contemporánea a través da novela 1984. O autor (nacido no Raj colonial británico da India) foi combatente republicano antifascista na Guerra Civil española, ademais de correspondente, e puido ver de primeira man a natureza e xenealoxía dun fascismo que acabaría consecutivamente ocasionando a destrución de media Europa e non só. Daquela traumática experiencia sacou os vimbios para, mediante a arte da metáfora, amosar a crúa faciana e funcionamento dos estados totalitarios e da estúpida e atemporal irracionalidade rampante. O dobre-pensar consiste na capacidade de simultanear dúas crenzas contraditorias na mente, aceptándoas como válidas: a asunción da contradición como o normal e a eliminación de calquera sinal de pensamento crítico que permita cuestionar a lóxica. É a ferramenta fundamental do réxime distópico para controlar as mentalidades, asegurando obediencia incondicional.

Nos tempos actuais está máis perfeccionado do que adoitamos crer. Como exemplo, abonda acudir á enquisa proporcionada recentemente polo xornal "progresista" israelí Haaretz: máis de 70% dos cidadáns daqueloutra depravada entidade colonial é hoxe favorable ao exterminio total dos 2,1 millóns de nativos da Fraxa de Gaza. O Goberno criminal de Netanyahu, cuxo nivel de desprezo pola vida humana ten poucos precedentes, pretende construír en Rafah "o campo de concentración máis moral da Historia" para 600.000 seres humanos. Din que será unha "cidade humanitaria". O plan de expulsión concibido para outros considérase "emigración voluntaria", e os desprazamentos forzados da atroz limpeza étnica serán "traslados". Xa se sabe: a Guerra é a Paz, a Liberdade é a Escravitude e a Ignorancia é a Forza. Teñen admiradores e aprendices de bruxo xa por Iberia: nos medios de comunicación, e ata nas cúpulas dalgunhas formacións políticas. Reveladora foi a última semana de razzias e ensaio de pogromo en Murcia. A por ellos, oé!