"Derrotar a Xi Jinping"

Comentei o venres pasado nestas liñas a operación anglosaxona concibida nos últimos anos para (aparentemente) "derrotar a Putin" que, pola contra e de momento, tivo como resultado certo un sobresaínte éxito derrotando á UE. Co espazo comunitario trocado nun "cliente cativo" da metrópole, obrigado a mercar enormes cantidades de armamento para un rearme antiruso e proisraelí (proxenocida) e de enerxía a maior custo ou coa obriga de emprender investimentos nos EUA, cumprirá así un obxectivo oculto cando menos desde a entrada en vigor do Tratado de Lisboa no 2009: transferir renda dos petos da cidadanía á outra beira atlántica para salvar a maltreita economía estadounidense lastrada desde a crise do 2008. 

Non é doado determinar cando foi exactamente o intre no que as elites continentais claudicaron de vez, pero o conto é vello. Coa invasión de Iraq viuse un último aceno de dignidade soberana da parte de Francia, mais foi coa mudanza de réxime en Ucraína no 2014 e trala escalada bélica no 2022 cando tornou patente da man dunha "resucitada" OTAN como ferramenta disciplinaria de control ideolóxico sobre Europa Occidental. Polas novidades que chegan do Leste coa aceleración da campaña de verán do exército ruso, acadando este logros militares en distintos puntos da fronte (Chasov Yar ou inicialmente 

Pokrovsk: importantes nodos loxísticos das FAU que evidencian o desgaste e preanuncian o colapso de enteiros sectores defensivos no Donbás), ou coa crecente problemática interna en Kiev axitada polos propios patróns occidentais, todo indica que en vindeiras semanas ou meses irán producíndose eventos que pecharán a fase actual dun conflito que é global. 

Seguramente prime unha nova orientación centrada en obxectivos superiores en Asia. Agardaremos pois a que desde Bruxelas nos persuadan nun futuro da necesidade de "derrotar a Xi Jinping" mailo "imperialismo chinés" (ou do conxunto dos BRICS) en defensa da "democracia liberal" e "os valores occidentais".