"Derrotar a Putin"
Os meses do estío son propicios para que "as clases dirixentes" acometan as maiores falcatruadas e espolios contra os pobos. No caso europeo este xullo marcará a vida colectiva das súas sociedades nos tempos vindeiros, e non positivamente. Primeiro foi o enorme fracaso diplomático da Comisión na fugaz viaxe á República Popular China (chamada a condicionar o ritmo da xeopolítica mundial no século XXI): alí foron Úrsula von der Leyen e demais altos funcionarios comunitarios cunha serie de "esixencias" disparatadas á maior potencia tecnolóxica, demográfica, económica e posiblemente xa militar da actualidade. O encontro oficial, que debera prolongarse tres días, durou menos de un: foron devoltos amablemente ao pequeno recuncho peninsular occidental do continente euro-asiático xunto coa arrogancia neocolonial dun tempo que non volverá: a UE non posúe suficiente estatus, auctoritas nin unha estratexia propia.
Deseguido anunciouse o "Acordo comercial UE-USA" para confirmar outra nova humillación ás inoperantes elites políticas, que deberán pagar os cidadáns (con sangue, suor e lágrimas) nos vindeiros anos: 600.000 millóns de dólares en investimentos, 750.000 en enerxía e aranceis do 15% aos produtos (50% ao aceiro e aluminio) e sen reciprocidade. Insistiron moito ultimamente en alertarnos do perigo "imperialista ruso" e da necesidade de "derrotar a Putin", pero a ampliación da vasalaxe ao ianqui certifica o advertido "fuck UE!" de Victoria Nuland (gov-USA) alá polo 2014 co golpe de Estado en Ucraína e a estratexia definida no Pentágono para canibalizar a provincia-Europa enfrontándoa, sen posibilidade de éxito, á Federación.
A Putin non houbo nin haberá forma de "derrotalo", pero si á UE: xusto diso era do que se trataba. A capitulación unicamente traerá crecentes problemas (de toda índole) para o ferido "proxecto europeo". Albíscase unha época de maior sufrimento social e convulsións que o exporán a máis contradicións e un alto risco de permanencia como tal.