Correctivo persa
Unha civilización como a persa non pode derrotarse. Nin borrarse. Non pode extinguirse. E non se dobrega… A maior parte da dirección política e militar da actual República Islámica de Irán posúe altísima formación técnico-académica, filosófica, humanista e/ou relixiosa. Sábense herdeiros dunha liña de continuidade histórica que se remonta, naquelas fronteiras máis ou menos variables, milenios atrás. Non son un enclave artificial e contra-natura repleto de colonos europeos: e ademais son líderes das irregulares e multinacionais forzas do nativo Eixo da Resistencia (ao sionismo sado-imperialista) en Asia Occidental.
Control iraniano do estreito de Ormuz, levantamento de sancións, recoñecemento do dereito a enriquecer uranio, pago de indemnizacións, retirada das forzas ianquis e fin da agresión en todas as frontes serían algúns puntos do acordo aceptado en primeira instancia polo criminal de guerra da Casa Branca para un precario (xa incumprido) "alto o fogo" logo de 40 días de macro-conflito con altísimos riscos rexionais e imprevisible impacto global, onde o papel crucial recae nas valentes masas populares erguidas alí a pesar de ameazas de exterminio total e terrorismo nuclear, mobilizadas por millóns.
A estratexia da Garda Revolucionaria propicia perdas loxísticas aos EUA por valor de máis de 50.000 millóns de dólares, varreu radares avanzados, impacta intereses económico-enerxéticos ou bases militares; avións de combate de última xeración e outras aeronaves, expulsou a V Flota en Bahrein forzando a retirada do porta-avións USS Abraham Lincoln, provocou a destitución de altos mandos do Pentágono (12 xenerais) e propina un severísimo castigo, sen precedentes, á entidade agresora na Palestina ocupada... ademais de acrecentar a crise de desconfianza entre integrantes dunha OTAN dis-funcional. Faino cun puntual apoio ruso e chinés en retagarda, que aspiran a consolidar espazos de maior influencia na zona substituíndo o salvaxismo perverso e despótico "accidental".