Hora de resucitar Galeusca?

Na pasada terza feira, a asociación Hamaika Gara deume a oportunidade de moderar a mesa redonda dixital “Galeusca: hiru herri erabakitzeko bidean (Galeusca: tres pobos no camiño de decidir)”. Os relatores foron María Xosé Bravo de Vía Galega, Marcel Mauri de Omnium e Amalur Alvarez de Gure Esku. Galiza, Catalunya e País Vasco dándose a coñecer e debatendo. Tres realidades diferentes, e, por iso, tres camiños diferentes para chegar ao mesmo sitio; cada un co seu ritmo, a súa metodoloxía, os seus recursos… É importante coñecerse. 

Durante anos foron os escritores destes tres pobos os que mantiveron Galeusca, informando nas súas reunións da produción de cada un e abrindo debates sobre temas comúns. Antes que os escritores, os partidos políticos asinaron diversos pactos desde 1923, con ese nome ou con similares; a maioría das veces tratábase de pactos conxunturais, e tecidos dependendo dos intereses de cada momento, a miúdo intereses electorais. 

Segundo subliñaron os participantes da mesa, podería ser efectivo que os axentes dos tres pobos que comparten un mesmo obxectivo —levar da teoría á práctica o dereito de autodeterminación— organizasen Galeuscas sectoriais nos seus respectivos ámbitos, nos innumerábeis ámbitos de actuación: cultura, sindicalismo, investigación, universidades, políticas lingüísticas, deporte, economía, relacións exteriores…

A praia fórmase pola acumulación de grans de area; nós, os tres medios de comunicación, activamos Galeusca en dous ámbitos nos últimos anos, de forma humilde: as narracións de verán e esta páxina dos sábados. Do mesmo modo que nós, moitos outros axentes tamén poden emprender este tipo de proxectos, os cales nos enriquecerán e axudarannos a construír e consolidar pontes entre nós. 

Sempre custa dar impulso a estes proxectos, porque xa temos suficiente traballo, mais non cabe dúbida de que o esforzo dará os seus froitos. Da Sota, Cambo, Irujo, Agirre, Castelao e outros tantos nomes están relacionados con Galeusca. Por que non agora?