Patrimonio en risco

As badaladas de inicio de 2026 tocan a funeral polo patrimonio galego. O día un entran en vigor os cambios na Lei de Patrimonio Cultural –introducidos de forma subrepticia a través da lei de acompañamento– que deixan os permisos de actuación sobre o patrimonio nas mans dos concellos. A xustificación: facilitar a construción de vivendas.

En tempos os concellos, ou diría mellor os alcaldes, facían e desfacían ao seu gusto. A muralla de Lugo sufriu o desleixo do alcalde Ángel López Pérez: en 1921 autorizou a voadura con dinamita dun cubo para abrir a porta do Hospital; a firmeza da construción romana impediu que fose derrubado con pico e pa, de aí o recurso ao explosivo. O alcalde autorizara tamén a demolición doutro cubo “toda vez que o seu estado é moi deficiente” para construír un garaxe. Só a denuncia duns veciños impediu esta segunda achacía, e levou á declaración de monumento nacional. Os veciños actuaron baixo nomes ficticios por temor, di Adolfo de Abel Vilela, a dar a cara nun contexto de debate sobre a conservación da muralla, que segundo algúns impedía o desenvolvemento da cidade. Houbo que agardar a 1971 para a expropiación de 130 vivendas e máis de 1400 galpóns apegados a ela.

En Santiago de Compostela dous edificios da actual praza de Galicia non tiveron tanta sorte. En 1913 o pazo barroco da Inquisición foi derrubado e substituído por un hotel. En 1975 procedeuse á demolición, promovida polo alcalde Francisco López Carballo, do edificio Castromil para construír un aparcamento, no que constituíu unha manifestación do empeño franquista en reprimir a modernidade.

O Consello da Cultura Galega, os profesionais da arqueoloxía, entre outras, expresan a súa preocupación por este cambio que deixa o control nas mans das administracións máis expostas a presións urbanísticas. Non se pode desbaldir a herdanza cultural que deixaremos ás xeracións vindeiras.