Luces nas tebras

Luz, luces: as labaradas das fogueiras no solsticio de verán, as estrelas no ceo cando o apagamento as revela ou máis ben cando a contaminación luminosa deixa de ocultalas, as grilandas de pequenas lámpadas que as mulleres de Gaza tenderon para crebar o xaxún do Ramadán, unha nena lendo á luz dunha lanterna na tenda de campaña nun campo de refuxiados, os focos do barco de Open Arms rescatando migrantes dun naufraxio no Mediterráneo.

A luz coa que Castelao, malia estar ameazado de cegueira, iluminou Galicia para que a puidésemos ver doutro modo.

Podemos prender luces. Sabemos recoñecer a luz que escintila no medio das tebras. Pensar criticamente non significa afirmar que todo está mal. No imaxinario galego e no español –ao contrario que no anglosaxón– ten máis predicamento fustrigarse ou fustrigar as institucións, sen discriminar entre o que se fai ben e mal. Ten máis prestixio a visión pesimista, mesmo apocalíptica o que, na miña opinión, é terreo aboado para o populismo de dereitas. Ollando con perspectiva o apagamento do 28 de abril creo que hai moito do que felicitarnos, moitas luces: a recuperación en menos de 24 horas, no de Texas de 2021 tardouse varios días; o exemplar funcionamento dos servizos públicos; o comportamento modélico da xente, ao contrario do que ocorreu en Nova York en 1977 non houbo saqueos nin vandalismo; a solidariedade entre a veciñanza ou mesmo entre descoñecidos. Hai tebras, e non sendo experta en enerxía vou agardar por informes documentados; persoas que si o son apuntan á cobiza das eléctricas e á falta de inversións no sistema enerxético. Lembrarei os que privatizaron as eléctricas, Felipe González e Aznar.

A río revolto, negacionistas da crise climática, culpando as enerxías renovábeis, defendendo as nucleares con argumentos peregrinos. O camiño é o da descarbonización, a luz que cómpre seguir, polo planeta, por nós.