Lobas e invasores
Irmá loba: tes que desculpar aos homes que procuran inimigos onde non os hai, sen velos onde os hai. Non saben máis ou talvez non queren saber. Agora teñen intención de te queimar a tiros.
Irmá loba, ti estabas aquí antes deles chegaren. Sempre houbo lobos no monte. Os invasores son outros: os eucaliptos, esa especie que favorece os incendios, esa plantación –non bosque, baixo ela nada medra– que vai engulindo insaciábel o territorio e á que os donos das celulosas pretenden entregar aínda máis terras. E tamén esas lindas flores, Tradescantias azuis, Ipomoeas malva, lindas nos países dos que proceden, mais que entre nós medran sen control, cubrindo o chan e impedindo o crecemento das plantas ventureiras.
Os inimigos son outros: a gandería intensiva, as granxas de porcos, que en Galicia producen un millón de exemplares ao ano, sobre todo para exportación. Noutros lugares comen a carne, aquí fican os residuos, o xurro, as augas contaminadas. Do benestar animal non falemos.
Para o monte, para os animais do país, para a saúde humana, un dos inimigos máis temíbeis son as granxas de visóns. Cómpre preguntármonos por que as prohibiron en Holanda, Austria, Suiza ou no Reino Unido: polos riscos de transmisión ás persoas de epidemias como a Covid-19 ou a gripe aviar. Os animais escapados das granxas, unha especie americana, acabaron coa fauna, sobre todo nas beiras dos ríos, na contorna das explotacións. Están diminuíndo en todo o mundo, mais non a suficiente ritmo. O Goberno ten previsto o seu peche definitivo para 2030, no entanto constitúen unha bomba ambiental. Coitados animais amoreados nun espazo mínimo.
Quen ameaza o país, as xentes, non sodes as lobas. Son as empresas que teñen a cobiza por bandeira, que contemplan ríos, brañas, leiras, como un botín a espoliar.
Irmá loba, podemos convivir contigo, convosco. Nos montes e fragas aínda vivos. Sodes parte de nós.