Galán e Ramiro na casa
Naceran en Almeiras e pasados setenta e tres anos a Almeiras volven. José Galán Núñez e Manuel Ramiro Souto, guerrilleiros, partisanos, soñadores que loitaban pola liberdade, repousan no cemiterio de Almeiras. Como lembrou Emilio Silva, presidente da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, atrevéronse a nomear a palabra liberdade en tempos en que che podía custar a vida.
O 25 de agosto as emocións rebordan o salón de plenos de Culleredo no acto de entrega dos seus restos ás familias. Os restos, igual que os de moitos guerrilleiros, collen nunha caixiña pequena, parece a de soterrar criaturas. En brazos, como un tesouro, entran na sala aos acordes da banda de gaitas; erguémonos, as bágoas veñen aos ollos. Asasinados en Visantoña en 1952, os seus corpos ficaron nunha foxa común no cemiterio, unha das 4.000 foxas de España, dous desaparecidos entre 140.000. Recuperalos, soterralos con dignidade, debería ser emprendido polo Goberno, de oficio. Durante décadas as familias ignoraban o seu paradoiro, lograron identificar a foxa grazas á colaboración das xentes de Visantoña, á teimosía da ARMH. Das súas pertenzas, só ficaron as botas, presidindo o salón de plenos a carón dos restos, cubertos con bandeiras galegas e rosas vermellas. Os sobriños de José e Manuel falan en nome das familias: Alberto Gómez lamenta que Lola Núñez a nai de José, non chegara a ver este día, aínda que si están presentes Nieves e Lolita, as súas irmás. Teresa Ramiro, mariscadora, poeta, chama a que non deixemos morrer as súas memorias, e acaba despregando unha bandeira republicana. A música Bea a de Estrella cantou para eles.
É no cemiterio de Almeiras onde finalizan os actos. Dun cemiterio a outro, mais a distancia é inconmensurábel, dunha foxa sen nome, nunha única caixa de pino verde, a cadanseu nicho entre a súa familia, unha placa cun poema de Teresa Ramiro. Memoria.