Frankenstein e o vegano

A Criatura de Frankenstein é vexetariana ou vegana. Lembremos que Victor Frankenstein é o estudante de medicina, que Mary Shelley non deu nome á Criatura nin o chama nunca "monstro". Nun dos diálogos que a enfrontan co seu creador afirma: "O meu alimento non é o do home. Eu non destrúo nin o año nin o cabrito para saciar o meu apetito; landras e baias fornécenme mantenza abonda". A dieta da infortunada Criatura débese probablemente á influencia de Percy B. Shelley, pioneiro na defensa do vexetarianismo e dos dereitos animais. En 1813 publicou un dos seus ensaios sobre a cuestión, Vindicación da dieta natural. En A raíña Mab usa a linguaxe poética na denuncia do sacrificio animal: "[O home] dá morte ao año que o mira aos ollos, / e horribelmente devora a súa carne despezada". Nos seus diarios Mary dá conta das dificultades para comer só vexetais no Londres de 1816, e de que non mercaban azucre por proceder de Xamaica, onde traballaban negros escravizados.

Talvez a Criatura e os Shelley tivesen unha opinión semellante á miña sobre a crise da peste porcina, de momento en Cataluña, veremos. Eu prohibiría a instalación de máis granxas e intensificaría os controis sobre as existentes. Pois o que vai contra a natureza é a gandería industrial, aínda peor que a intensiva. É un despropósito que nun Estado con 49 millóns de habitantes se críen máis de 34 millóns de porcos e se sacrifiquen 54, pois impórtanse doutros países –unha das posíbeis causas do gromo–. O Estado español é o primeiro produtor da UE e o terceiro do mundo, un podio do que non sentir orgullo. A razón é que países como Dinamarca pecharon explotacións polo impacto ambiental: contaminación das augas por nitratos, como ocorre en Galicia no encoro das Conchas, vertidos de xurro, emisións de metano e amoníaco á atmosfera. Producir para autoconsumo sería razoábel. A saúde do ambiente é a nosa.