As miñas avoas
Dicir se as miñas avoas eran ou non feministas resulta difícil. Nunca o utilizaron, era un termo infrecuente cando novas, no inicio do século XX. Poucas mulleres o empregaban explicitamente, como a galega Emilia Pardo Bazán que en 1914 afirmou ser unha "radical feminista" por crer que as mulleres debían ter os mesmos dereitos que os homes. Eu considero "radical" o único adxectivo acaído para acompañar a "feminismo".
As miñas avoas casaron tarde, para o costume daquela. A materna, Manolita, nacida en 1894, debeu facerse cargo da casa, dos cinco irmáns, e do pequeno negocio aos doce anos, debido á morte por tise dos seus pais. Abandonou os estudos, renunciou ao soño de ser mestra. Non era a máis vella, senón a cuarta, mais a primeira casara e os dous varóns, que lle levaban algúns anos, non contemplaban deixar os estudos nin mudar de vida. Menos facer de nai dos dous pequenos. Arredor dos vinte e poucos anos tivo un noivo. Mais el quería controlar como vestía e ela plantouno, arriscándose a ficar solteira. Contei a súa historia no relato "Rabuda" en Madrygal. Non quedou solteira, ou talvez eu non sería a súa neta, mais casou aos 29 anos.
A avoa paterna, Araceli, naceu dez anos antes, en 1884, nunha vila de Córdoba. Non adoitaba falar da súa mocidade, mais seica viaxou algo, saíu da casa máis do que estaba ben visto. O que é certo é a cinzarrada que lles armaran a ela e ao meu avó ao casaren. Non sendo viúvos a explicación máis plausíbel é ter ela 28 anos, o que se consideraba ser "vella". El tiña 33, mais para os homes iso carecía de importancia. Aínda a finais do século, eu escoitei máis dunha ameaza por non ter casado aos 27 anos. Podo asegurar que nunca a vin ir á igrexa, talvez por causa da cinzarrada.
Son neta delas, que foron rozando o camiño, e neta intelectual das feministas que loitaron para que puidésemos votar, estudar e ser donas dos nosos corpos.