Revisitando Galiza
A Constitución española de 1978 recoñecía e garantía o dereito á autonomía das distintas nacionalidades e rexións do Estado; o Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981 no ARTIGO 1 do TÍTULO PRELIMINAR recoñece a Galiza como nacionalidade histórica e recolle o seu dereito a autogobernarse, a defender a súa identidade e os seus intereses e a promocionar a solidariedade entre todos cantos (e todas cantas, habería que enmendar) integran o pobo galego.
A Constitución española de 1978 recoñecía e garantía o dereito á autonomía das distintas nacionalidades e rexións do Estado; o Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981 no ARTIGO 1 do TÍTULO PRELIMINAR recoñece a Galiza como nacionalidade histórica e recolle o seu dereito a autogobernarse, a defender a súa identidade e os seus intereses e a promocionar a solidariedade entre todos cantos (e todas cantas, habería que enmendar) integran o pobo galego.
"En ningún dos textos se recollía explícitamente a posibilidade de que chegase a haber presidentas, tampouco se excluía de xeito radical, máis tamén deixaban claro que non se nos agardaba por alí".
Eis o marco político e institucional no que se desenvolve a convivencia social das galegas e os galegos dende a chamada transición política. Dúas son as presidencias sobre as que xira a existencia da nosa, formalmente recoñecida, nazón galega: unha a do Estado español e, outra, a de Galiza. En ningún dos textos se recollía explícitamente a posibilidade de que chegase a haber presidentas, tampouco se excluía de xeito radical, máis tamén deixaban claro que non se nos agardaba por alí. Iso que xa levaba o feminismo uns anos petando nas portas dos dereitos democráticos.
O feminismo sempre estivo interesado en amosar que o demos da democracia non só era o pobo masculino pois, é evidente, que as nais dese pobo masculino, son mulleres. Agora en serio, é unha mágoa que non exista un termo para poder visibilizar as mulleres do pobo, aínda que se me vén a cabeza a imaxe das revolucionarias francesas sen sostén que tod@s coñecemos. Sempre mulleres sostendo todo e sosténdose elas soas a si mesmas?
Arredor desta dupla representatividade (¿?) (estatal, autonómica e patriarcal; por non mentar tamén a europea) iranse artellando as distintas formacións políticas do país.
Ao longo deste proceso, a cidadanía, máis ou menos formada e informada, demandando máis ou menos representatividade, aprende a diferenciar entre Estado España e País Galiza. Así xurdiron as distincións España/ País.
A primeira (ESPAÑA) para referirse ao todo-todo e tamén a todas as demais partes incluídas no “lote” dese incuestionado TODO. A segunda (PAÍS) chegou a ser un concepto moi útil para diferenciarmos os produtos de fóra dos que foron cultivados aquí ou os procesados cun alto poder contaminante na Galiza (en adiante representada no imaxinario social cun sinxelo “aquí”).
"O feminismo sempre estivo interesado en amosar que o demos da democracia non só era o pobo masculino pois, é evidente, que as nais dese pobo masculino, son mulleres".
Por un lado o Todo- absoluto e por outro un aceno propio e concreto: o que está aquí. Polo que, se saes da Galiza, por calquera motivo, deixas de estar aquí e vas para alá ou aló. E parez que se sobreentende que as e os galegos, servidores e servidoras de calquera aquí, han saber respectar calquera aquí aló onde se lles poña por diante. Unha ollada á realidade, ao que moitas veces pasou, é que moit@s descubriron que había moito máis mundo fóra da Coroa parlamentar das Españas.
Ambas as dúas figuras perfílanse no marco dunha monarquía parlamentaria, contestada na rúa, mais cun case nulo reflexo nos medios de comunicación. Non sei da existencia de organizacións estatais que cuestionasen a construción desta dupla imposición de poderes na Galiza, en Euskadi ou en Catalunya. Nin a aposta polo federalismo tivo firmes defensore, moitos ficaron aliviados cando González e Guerra decidiron abrir o seu chiringuito do café para todos, dando mostras da súa completamente acrítica asimilación do modelo España anterior á imposición da monarquía parlamentar.
Das 17 comunidades nadas no marco do Estado das autonomías xurdido da Constitución de 1978, só catro delas puxeron especial empeño na instauración dos seus respectivos Estatutos, nas máis as súas cidadanías nin demandaron tal Estauto, nin foron consultadas para establecérense como tales.
No medio daquel totum revolutum de intereses creados para sinalar que España estaba plagada de aquís e xa non era o caso ocuparse das comunidades históricas- nin das súas vellas reivindicacións políticas, económicas ou culturais- clausuraron o debate das nacionalidades e comezaron a argallar o discurso que volvía dividir as poboacións do Estado en apocalípticos e integrados (entre separatistas e integradores) máis tarde entre os demócratas de toda a vida (españois) e antidemócratas de raíz (os outros) abonando o camiño do xa célebre lema aznariano España va bien e o espolio debe proseguir.
"Ninguén, naquela altura, agás as mentes, quer nacionalistas, quer independentistas, apostaba pola plena autonomía dos seus respectivos pobos, ningún partido de ámbito estatal falaba de autoxestión nin de autodeterminación popular".
Ninguén, naquela altura, agás as mentes, quer nacionalistas, quer independentistas, apostaba pola plena autonomía dos seus respectivos pobos, ningún partido de ámbito estatal falaba de autoxestión nin de autodeterminación popular. As diferenzas ficaban reducidas a sopros de voz, aos acentos que @s diferentes se empeñaban en transportar; as rarezas e singularidades paisaxísticas, a intelixencia subtil dos produtos naturais cos que se asociaba un outro exemplar xa amplamente tipificado e catalogado, por se non fose posíbel recoñecelo sen apelar á folkorización da súa cultura orixinaria. As silenciadas loitas dos nacionalismos apostaron, porén, pola posta en valor de termos máis acaídos á realidade dos procesos de concienciación e liberación nacionais, procesos que indicaban a necesidade de ir alén do marco dun Estado plurinacional, tamén escasamente desenvolvido por falla dun real vontade política de facelo realidade. Na 1ª Lexislatura de Zapatero méntase esa posibilidade como nomenclatura, mais case nada se fai para dotalo de sentido e de contido.
Autodeterminación dos pobos, independencia nacional, soberanía nacional son palabras que visibilizan o esforzo, alá onde o houber, quer para lograr Estatutos de Nación dignos para os pobos, quer para deseñar estratexias políticas que conduzan á declaración de Estados independentes que libremente decidan as súas traxectorias de futuro xunto con outros pobos. Así chegamos ás consultas soberanistas e independentistas actuais.
Os procesos catalán, e significativamente o escocés, son os que hoxe en día teñen unha maior repercusión mediática, aínda que para comprendelos en toda a súa riqueza non chega con ler, ver ou escoitar os medios de comunicación convencionais, non abonda para entender ben algo con coñecer algúns fragmentos dunha firme vontade popular e cidadá, vontade explícita nos casos catalán, escocés ou vasco.
Galiza vén de sufrir nestes últimos anos o grande espolio, un baleirado constante dos seus recursos naturais, materiais e humanos, espolio do que non comezamos a tomar conciencia cívica até uns anos despois do Nunca Máis e do Non a Guerra. Esa primeira gran concienciación materializouse na aposta polo goberno bipartito, aposta que tanto ilusionou, mais que por mor da lixeireza deixamos esvaecer, recaendo nun infeliz sono do que hoxe apenas recén espertamos.
No caso galego a vontade de soñar ten que ser quen de querer soster o esforzo que os nosos soños precisen para facérmolos realidade. Intúo que esa vontade existe, que é máis consciente, que collerá corpo e enerxías, porque @s galeg@s lograremos avanzar. Esta é a miña opinión e o meu gran desexo para un futuro que habemos de apertar máis cedo que tarde. Para mellorar a vida e a calidade de vida do pobo das galegas e dos galegos. Para que Galiza deixe de ser escrita e vivida con minúsculas, e decidamos ser don@s de nós e con orgullo de noso, con grosas e auténticas posibilidades, sostendo e mimando un mellor futuro para tod@s.