Meirás é do pobo
O Tribunal Supremo confirmou hai uns días que o Pazo de Meirás é de propiedade pública. A recuperación deste espazo é o final dunha longa batalla do movemento memorialista. Foron moitos anos loitando para que se recoñecera que o ditador Franco roubara para o seu lucro persoal as torres de Meirás. Unha vitoria froito da mobilización –de entidades memorialistas e forzas políticas–, e a investigación documental realizada por Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo.
Unha vitoria contra o franquismo e a impunidade aínda que a avogacía do Estado declarase os herdeiros do ditador Franco como posuidores de boa fe do Pazo de Meirás entre os anos 1975 e 2019. Resulta difícil de entender este erro procesual. Porque, é un erro? Ou é que Estado, Xunta –só o Concello de Sada presentou un voto particular contra esta decisión– teñen fondas raíces no franquismo e non son quen de cortar con elas? Eu só vexo mala fe nos herdeiros do tirano. É máis, deberían pagar ao erario público pola falta de mantemento do pazo e a perda de valor patrimonial que iso provocou. Ou queremos ser colaboradores no enriquecemento inxusto dos herdeiros do espolio?
Agora que o Estado ten a propiedade plena do pazo é o momento de esixir que se abra ao público como lugar de estudo e divulgación do que significou a ditadura franquista e para o (re)coñecemento da loita antifranquista, sen prexuízo de que haxa tamén lugar para a referencia a Emilia Pardo Bazán.
Cómpre máis cedo que tarde resignificar o Pazo de Meirás como Lugar de Memoria, e cómpre esixir que as asociacións memorialistas galegas que tiveron un papel determinante en todo o proceso de investigación, reivindicación e divulgación do espolio de Meirás, deixen de estar excluídas na participación para definir o futuro do pazo.
E xunto a isto, o Estado debería incoar expediente de cesión do Pazo de Meirás á Xunta de Galiza baixo a condición de cesión modal que inclúa unha xestión inter-administrativa (Xunta-Estado-Concello de Sada) do pazo.