SOS
Se en algo son bos os Gobernos do PP é na xestión da sanidade como negocio. Hai que recoñecer que os recortes das últimas décadas, primeiro con Feixoo e posteriormente con Rueda, que aplicaron as receitas neoliberais para afogar a sanidade pública e favorecer a privada, deron os seus froitos. Calquera de nós pode comprobalo: a primeira cita dispoñíbel coa miña médica de Atención Primaria é para o 6 de febreiro, nada máis e nada menos que 17 días de agarda!
Obviamente, os tesoirazos na Primaria implican máis presión nos Puntos de Atención Continuada (PAC) e mais nas urxencias dos hospitais. Por exemplo, no Cunqueiro, a entrada por urxencias aumentou un 7% no último ano, o que se traduce en "miles de pacientes novos sen que o número de profesionais aumentase na mesma proporción", en palabras do responsábel do servizo. Así están as traballadoras e traballadores da sanidade pública, completamente desbordados, queimados.
E, por se fose pouco, cada vez faise máis evidente a falta de espazo no hospital vigués. Lembremos que o Goberno galego dedicou, finalmente, ao Cunqueiro menos superficie hospitalaria e menos recursos que no proxecto inicial, malia o sobrecusto de 470 millóns constatado polo Consello de Contas. Foi tal o despropósito con este hospital que a idea de ampliar as urxencias xurdiu ao pouco da súa inauguración, en 2015. De feito, os orzamentos de 2022 incluíran a obra de ampliación, que nunca se contratou. A Xunta di agora que o proxecto está aprobado e que se atopa na fase previa á licitación. Iso si, o TAC e os ecógrafos prometidos para as urxencias seguirán no ar, seica por falta de espazo.
Neste contexto, o negocio da sanidade privada é aínda máis suculento: máis derivacións do Sergas e máis pacientes que, desesperados ante o colapso da pública, vense arrastrados ás consultas privadas. A principal causa non é outra que unha ideoloxía neoliberal que deixa a sanidade pública nos ósos para provocar a súa privatización.