É o petróleo
Donald Trump non engana a ninguén. Unhas horas despois de que as primeiras bombas e mísiles caeran sobre as principais cidades do Irán e cando as vítimas mortais entre a poboación civil se contaban por centos, o mandatario estadounidense explicou que o fin do operativo militar era provocar un cambio de réxime na antiga Persia e promover a conformación dun novo Goberno en sintonía cos intereses da Casa Branca na zona. Nada novo. A política exterior estadounidense nunca se guiou pola defensa dos dereitos humanos e das liberdades individuais e colectivas, senón por razóns materiais que atenden aos intereses nacionais dos EUA e das diferentes fraccións da súa oligarquía. Así o evidencia a historia da política internacional dese país no último século, da que foi un bo exemplo o golpe de Estado promovido en 1953 no Irán contra o Goberno nacionalista de Mohammad Mosaddeq, que viña de nacionalizar o petróleo que ficara nas mans de multinacionais británicas.
A caída de Mosaddeq abriu a porta a unha das ditaduras mais cruentas de Oriente Medio, dirixida polo monarca Mohammad Reza Pahlavi, que ao tempo que entregaba o petróleo ás compañías estadounidenses aplicaba unha dura represión contra a poboación civil. Pahlavi, un dos socios máis fieis dos EUA na rexión, foi derrocado en 1979 por unha revolución que, tras nacionalizar os hidrocarburos, a Casa Branca e Israel converteron na principal inimiga. Nas últimas décadas, a política de bloqueo e agresión viuse acrecentada pola alianza do Irán coa China e con Rusia.
Mais os tempos cambian e a loita dos EUA contra o Irán muda de métodos. Os sucesos destes últimos días explícanse no marco dunha batalla pola hexemonía mundial entre o bloque liderado pola China e aquel liderado polos EUA que, como todos os imperios en decadencia desde o romano, recorre á guerra para garantir a súa posición dominante. Non só está morto o dereito internacional xurdido para asegurar a relación de poderes resultante da II Guerra Mundial, senón a orde internacional nada após 1945. E Trump sábeo.