Asfixia

Embargo e bloqueo son palabras que fican curtas para referirnos á asfixia á que o presidente dos EUA Donald Trump está a someter o pobo cubano. No pasado verán, o magnate anunciaba novas medidas na súa cruenta guerra económica contra Cuba, entre elas impedía aos estadounidenses aloxarse en estabelecementos hostaleiros e decretaba sancións contra membros do Executivo cubano, incluído o presidente, Miguel Díaz-Canel.

A prohibición de viaxar dos EUA a Cuba por turismo foi aprobada hai xa seis décadas –con breves períodos de maior flexibilidade–, cando comezou o asedio. De feito, a lei só contempla 12 motivos para viaxar a Cuba, entre elas as visitas familiares, as actividades xornalísticas ou educativas, as investigacións ou os proxectos humanitarios, pero o aloxamento debe realizarse en casas particulares para tratar de prexudicar o Goberno.

A grave situación económica que sofre Cuba, agudizada pola pandemia da Covid-19, volveuse crítica nas últimas semanas debido á falta de combustíbel. O acoso enfermizo do Goberno de Trump chega a impedir que, no exercicio da súa soberanía nacional, o Goberno cubano poida comprar a terceiros países combustíbel. E o dereito internacional? Como no caso do secuestro de Maduro e da súa dona, aquí tampouco se aplica e a comunidade internacional, salvo honrosas excepcións, permite que todo un pobo sufra severísimas dificultades baixo a presión de Trump.

A realidade é incontestábel: EUA, símbolo do libre mercado, apreixa o Executivo cubano e somete á asfixia toda unha sociedade. Porén, a meirande parte dos medios de comunicación, tamén os considerados progresistas, só informan ao ditado do imperialismo ianqui e nin sequera disimulan. Segundo eles, na illa só existen voces da ultradeireita, as contrarias á revolución, aos servizos públicos, a Fidel, a Díaz-Canel... todo vale para contribuír a tombar un pobo e para poñelo aos pés do emperador Trump. Levan décadas facéndoo, mesmo faltando á verdade.