50 anos das Bases
Fixéronse onte 50 anos da presentación pública, nun acto desenvolvido no antigo edificio universitario de Fonseca, en Compostela, das Bases Constitucionais para a participación da Nación Galega nun Pacto Federal e de Goberno Provisorio Galego e do Proxecto de Medidas Económicas para un Programa de Goberno Provisorio Galego. Trátase de dous documentos redactados polas forzas políticas que integraban o Consello de Forzas Políticas Galegas, conformado en xaneiro de 1976 co fin de que Galiza existise como realidade propia no tempo político que se abría tras a morte de Franco.
Os textos foron a única expresión de realismo político posíbel naquel tempo e naquel país. Neste sentido, carecían da vontade de fixar unha posición de tipo estratéxico. De feito, atenderon a un carácter nitidamente programático para actuar nunha conxuntura política marcada pola descomposición do franquismo.
Así, trataban de acumular apoios, pois a correlación de forzas que existía naquel momento distaba de ser favorábel para a proposta nacionalista. O fin pasaba por articular un programa de mínimos que permitise a Galiza estar presente no proxecto constituínte que se aveciñaba e para que non ficase arrombada nos deseños excluíntes definidos desde Madrid.
Os resultados finais do proceso aberto após a morte de Franco foron moi diferentes aos defendidos e agardados polas forzas agrupadas ao redor da alternativa das Bases Constitucionais, así como do resto da oposición do Estado español, que aínda en 1976 defendían unha ruptura coa ditadura. Porén, os documentos cumpriron un papel chave para garantir a presenza política da Galiza con reivindicacións propias no espazo nacional e estatal, dotaron dun programa táctico o corpo social máis comprometido co país e contribuíron a articular un espazo político que hoxe é o nacionalismo.